O Concello de Cangas inicia o expediente de contratacion de 5 auxiliares de policía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O goberno local aprobou na xunta de goberno celebrada onte luns, día 17 de marzo, a aprobación das bases para a selección e posterior contratación de 5 auxiliares de policía local durante catro meses.

Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, como consecuencia do incremento de poboación derivado da actividade turística que se desenvolve no municipio durante os meses de verán, o Concello de Cangas contrata a 5 auxiliares  de policía por un período de catro meses para reforzar os servizos de tráfico e seguridade.

Para a elección dos/as auxiliares realizarase unha proba de oposición libre  á que se poderán presentar todos aqueles cidadáns homes ou mulleres de nacionalidade española ou doutro país membro da Unión Europea de entre 18 e 58 anos e estatura superior a 1.65m no caso dos homes e 1.60 no das mulleres que posúan a titulación esixida para un posto de funcionario con categoría C2. Ademais os candidatos deberán presentar un certificado médico que ditamine que a persoa posúe as condicións para a realización das probas físicas  e non padece ningún tipo de enfermidade nin limitación física ou psicolóxica que lle impida desempeñar o posto de traballo que solicita.  Tamén deberán ter realizado o curso teórico- práctico da Academia Galega de Seguridade Pública ou un compromiso da súa realización.

Os interesados deberán presentar a súa solicitude acompañada dunha copia compulsada do DNI, a documentación acreditativa de estar en posesión da titulación requirida na convocatoria, o xustificante de pago dos dereitos do exame,  e unha copia compulsada do título de Auxiliar de Policía ou do compromiso para a súa obtención.

As probas selectivas contarán con varias partes. A primeira será a proba de altura na que se comprobará que os aspirantes cumpren coas medidas establecidas. As probas físicas constan de dúas partes, a de potencia e salto vertical e a de resistencia que será unha carreira de 1.000 metros. Para superalas os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas ou non superar as máximas.

A proba de coñecementos consistirá nun exame sobre o temario establecido, unha proba sobre coñecemento do termo municipal e a toponimia local e unha proba de galego a que poderán non presentarse aqueles que posúan o certificado Celga 3.

Aqueles  aspirantes que superen as probas pero non acaden a puntuación necesaria para ser contratados pasarán a formar parte dunha lista para as posibles contratacións de auxiliar de policía que se puidesen realizar ao longo do presente exercicio.

18 de marzo de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.