O Concello de Cangas convoca dúas prazas para prácticas nas oficinas municipais de turismo
Esta semana foi aprobada pola Xunta de Goberno Local unha nova convocatoria de dúas bolsas para a realización de prácticas nas oficinas municipais de turismo. Estas becas de formación están dirixidas a menores de 33 anos con algunha das seguintes titulacións: Graduado en Turismo, Diplomado en Turismo ou Técnico Superior de Información e Comercialización Turística. O obxectivo desta iniciativa é achegar aos bolseiros unha formación práctica mediante a realización de labores de información turística nas oficinas do Servizo Municipal de Turismo nos períodos nos que a vila acolle maior afluencia de visitantes.
En total as bolsas terán unha duración de 5 meses repartidos nas seguintes datas: do 11 ata o 20 abril, coincidindo coa Semana Santa, do 30 abril ata o 16 de setembro, correspondendo a maior parte do tempo as vacacións estivais de verán e por último do 6 ata o 8 de decembro pola ponte da Constitución.
Nas solicitudes deberá achegarse un modelo de instancia cuberto polo interesado, fotocopia cortexada por ámbalas dúas caras do DNI, fotocopia cortexada do título ou recibo do depósito do título así como da documentación acreditativa doutros méritos.
O prazo para presentar as solicitudes está aberto e rematará o próximo 28 de marzo. Para máis información a convocatoria está dispoñible para todos os interesados no taboleiro da páxina web do Concello de Cangas (www.cangas.org).











