O Concello de Cangas adhírese a rede Eusumo
O equipo de goberno deu conta na última Xunta de Goberno Local da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Traballo e Benestar para a adhesión á Rede Eusumo. Con este acordo o organismo autonómico inclúe a Cangas entre os lugares onde desenvolver actividades de asesoramento, información e formación no fomento do cooperativismo, a economía social así como o apoio ao emprendemento e ao desenvolvemento local. Pola súa banda o consistorio comprometese a colaborar coa Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e co Consello Galego de Cooperativas na realización de tarefas de coordinación das diferentes actividades que teñan lugar no municipio ademais de poñer a súa disposición da Rede Eusumo medios e servizos entre os que destacan o establecemento dun punto de información, un aula formativa e un viveiro de empresas para o desenvolvemento das distintas iniciativas. Dende a administración local sinálase que con este acordo, que é de carácter indefinido, dáse un paso máis na promoción e no apoio ao nacemento de novas iniciativas empresariais emprendedoras que permitan a creación e a consolidación de emprego. Nesta liña tamén expresouse a Concelleira de Emprego Berta Pérez que recalcou que “esta é unha acción máis das que estase a desenvolver pola Concellería dentro do Plan de Emprego 2014 e que nos permitirá abrir máis portas para poder ofrecer aos nosos veciños e veciñas todas as ferramentas para conseguir un emprego”, ademais de sinalar que Cangas é o primeiro concello da comarca do Morrazo en adherirse a este convenio grazas, entre outras cousas, a contar cun Viveiro de Empresas.
A Rede Eusumo
A Xunta de Galicia puxo en marcha a Rede Eusumo no ano 2012 para impulsar a economía social , “como actor económico fundamental na sociedade actual” e que engloba a empresas como a cooperativas e as sociedades laborais, nas que a propiedade está maioritariamente nas persoas socias traballadoras e asalariadas, asumindo estas o protagonismo nas decisións e na xestión empresarial. Entre as actividades que se realizan nos centros adscritos a rede están as accións formativas, informativas e de asesoramento, seguimento e supervisión de proxectos ou a promoción e dinamización do traballo en rede e con novas tecnoloxías entre outras.











