O Concello de Brión solicita á Xunta o arranxo da vía de acceso á autovía Santiago-Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de solicitarlle á Xunta de Galicia o arranxo do vieiro de acceso á autovía AG-56, Santiago-Brión, que se atopa nun mal estado de conservación. Este vieiro de acceso á AG-56 enlaza a saída Nº 10 da autovía coa estrada AC-451 Os Ánxeles-Barreiros, ambas de titularidade autonómica.

O informe técnico remitido á Consellería de Medio Ambiente detalla que “o estado de conservación da citada infraestrutura evidencia unha mala xestión na súa conservación” e que no camiño entre as dúas rotondas de acceso á AG-56 mesmo existe “unha considerable fendedura na capa de aglomerado de grandes dimensións que ten provocado diversas avarías de consideración e as conseguintes queixas e reclamacións diante do Concello de Brión”. Ademais, as dimensións da fochanca obrigan a moitos vehículos a invadir o sentido contrario, co risco que iso supón para unha zona de elevada circulación, tanto de turismos como de vehículos pesados.

Diante desta situación, o Concello de Brión púxose en contacto durante a pasada semana coa empresa adxudicataria do mantemento da autovía, que procedeu a sinalizar a zona con sinais de perigo e conos de tráfico. Sen embargo, a empresa vén de confirmarlle ao Concello de Brión que este camiño non entra dentro das súas obrigas de mantemento da AG-56 e que lle corresponde directamente á Xunta de Galicia acometer os traballos.

O Concello de Brión lembra que a Xunta, como titular deste camiño e de acordo coa Lei de Estradas de Galicia, ten a obriga de realizar as obras de mantemento e de policía do viario. Un camiño que foi executado pola propia Xunta de Galicia, que obtivo parte dos terreos polo sistema de expropiación forzosa e parte mediante ocupación directa.

19 de marzo de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.