O Concello de Brión organiza a Viaxe dos Maiores ao Algarve do 1 ao 7 de abril
O Concello de Brión organiza a tradicional Viaxe dos Maiores, que este ano terá como destino a rexión do Algarve (no sur de Portugal) entre o 1 e o 7 de abril. Unha viaxe que está dirixida a veciños e veciñas maiores de 55 anos e aos seus cónxuxes, que teñen ata o vindeiro 11 de marzo para anotarse no centro social polivalente de Pedrouzous ou por teléfono no 981 509 910.
O prezo da viaxe é de 420 euros por persoa, que inclúe viaxe en autocar Brión-Algarve-Brión, aloxamento e pensión completa no hotel “Júpiter Spa” de 4 estrelas en Portimao, con animación nocturna e bufete libre. Ademais, o programa inclúe unha mañá de spa no hotel, excursións a Alte, Cabo San Vicente, Lagos, Sagres, Silves, Monchique, Vila Real e Tavira; así como comida e visita a Lisboa e a Fátima. As prazas do autobús asignaranse por rigorosa orde de anotación e as anulacións sen custe poderán realizarse ata o día 18 de marzo.











