O Concello de Allariz busca músicos para participar na Semana Santa do municipio
A Semana Santa ao Vivo é unha proposta cultural de ocio nacida no ano 2000, motivada pola grande cantidade de turistas presentes durante estas datas na vila alaricana.
Como cada ano, o departamento de Promoción Económica do Concello de Allariz continúa traballando para organizar a programación da Semana Santa ao Vivo, unha alternativa diferente que, conxuga música, tradición e cultura para que todo aquel que visite a vila nesas datas se quede coa esencia do que é Allariz.
Este proxecto cultural abarca sobre todo música de rúa, nos seus variados estilos folk, jazz, worldmusic, étnico, blues, etc. Esta é unha peza fundamental, que ameniza os paseos dos transeúntes en diversos espazos do Casco Histórico.
Como en anos anteriores os músicos, grupos ou solistas interesados en participar na programación terán que pórse en contacto ca Área de Promoción Económica e posteriormente entre todas as solicitudes realizarase unha selección.
Os interesados/as deben contactar, antes do 28 de marzo, co departamento de Promoción Económica de Allariz no correo electrónico dinamizacioneconomica@allariz.com ou no teléfono 988442210.











