O Concello da Laracha presenta o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na súa última reunión ordinaria, presentar á Consellería de Traballo e Benestar o proxecto anual para participar no programa de servizos sociais comunitarios municipais da Xunta de Galicia.
O proxecto redactado polo Concello da Laracha recolle o gasto que está previsto afrontar ao longo de 2014 para o financiamento dos diferentes programas en materia de servizos sociais (aula lúdica, axuda no fogar, Centro de Información ás Mulleres, etc.) e o mantemento das instalacións adscritas a este departamento (centro de día e fogar residencial, escola infantil pública e locais sociais da terceira idade). O orzamento total sitúase nos 702.118,54 euros.
Desa cantidade, o Concello da Laracha asumiría o 69% con fondos propios municipais, sendo a colaboración económica que se solicita á Consellería de Traballo e Benestar duns 217.000 euros cos que se cofinanciarían parcialmente os custos derivados do mantemento en plantilla de parte do persoal do departamento de servizos sociais e da prestación do programa de axuda no fogar, do que son beneficiarias actualmente no municipio un total de 75 persoas.
Os servizos sociais son prioritarios na axenda do goberno local. A este departamento destínase anualmente máis do dez por cento dos presupostos xerais municipais segundo os datos da liquidación do peche do exercicio económico 2013 e as partidas orzamentarias aprobadas para 2014.
Accións formativas para persoas desempregadas
O goberno local tamén acordou solicitar a organización de accións formativas para persoas desempregadas (AFD) ao abeiro da convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
O Concello da Laracha pretende organizar sendos cursos de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais.
No caso de que a subvención sexa concedida e os cursos finalmente poidan organizarse no municipio, a selección das persoas participantes nos mesmos sería a través da oficina de emprego de Carballo por medio dunha oferta pública de emprego.











