O Concello da Laracha facilitará o reciclado de plásticos e envases instalando 200 novos colectores amarelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O Concello da Laracha sacará a licitación a próxima semana a adquisición de douscentos colectores amarelos (para plásticos e envases) cos que se reforzará a cobertura en sete parroquias do municipio, incluíndo os tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión). Trátase dunha primeira fase desta iniciativa dirixida a promover e facilitar a reciclaxe. A segunda fase, que está previsto levar a cabo ao longo deste ano, afectará ás outras seis parroquias.

Unha vez sexa publicado o anuncio da licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), as empresas interesadas terán un prazo de quince días para presentar a súa oferta. Tal e como estipulan os pregos de condicións, o importe máximo de licitación ascenderá a uns 34.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais. A primeira fase do programa xa foi contemplada nos orzamentos xerais por iniciativa do grupo de goberno. A segunda será unha das actuacións a financiar co remanente líquido de tesourería que deixou a liquidación do exercicio económico do curso pasado.

Desde o Concello da Laracha enténdese este desembolso non como un gasto, senón como un investimento tanto no aspecto mediambiental, xa que se aumentará o material recollido para o reciclado, como no económico, dado que a redución dos residuos que se depositan no colector xenérico verde implicaría un menor custo no seu tratamento.

O reforzo da cobertura de colectores forma parte dun plan amplo plan promovido polo goberno municipal e dirixido a potenciar a reciclaxe a través do cal xa se desenvolveron outra serie de medidas, como a dotación co sistema vacri en determinados iglús verdes de vidro -co que se facilita a descarga do material para os profesionais do sector da hostalería- e o reforzo de colectores azuis (papel e cartón) e iglús verdes nos principais núcleos de poboación rural.

Estas actuacións estanse a completar actualmente co desenvolvemento de campañas de información, concienciación e sensibilización que se están a realizar a varios niveis. Coa colaboración da Xunta de Galicia e de Sogama, nos centros de educación infantil e primaria leváronse a cabo xornadas de reciclaxe nas que participaron centos de alumnos. Tamén estivo recentemente na feira de Paiosaco o programa “Separemos ben, reciclaremos mellor”.

Ademais, o Concello da Laracha e a entidade Aspaber UTE (concesionaria da xestión do punto limpo, limpeza viaria e servizo de recollida de voluminosos a domicilio) elaboraron unha guía de coidado do medio ambiente na que se explica detalladamente en que colector debe depositarse cada tipo de residuo, ademais de ofrecer información sobre os diferentes servizos que se prestan no municipio para facilitar a reciclaxe. O material está a ser distribuído por todas as vivendas do termo municipal da Laracha. Neste semana comezouse o buzoneo polo parroquia de Caión.

A implicación da veciñanza será esencial para que o plan que deseñou e está a poñer en práctica o Concello da Laracha alcance os obxectivos fixados. O goberno local decidiu conxelar o recibo do lixo a empresas e particulares no ano 2014 a pesar da forte encarecemento do tratamento dos residuos sólidos urbanos na central de Sogama. Esta medida poderíase manter en próximos exercicios no caso de que se cumpran as previsións deste programa municipal dirixido a potenciar a reciclaxe.

1 de marzo de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.