O Concello da Coruña súmase á Hora do Planeta 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Concellaría de Medio Ambiente informa de que mañá, sábado 29 de marzo, A Coruña súmase á Hora do Planeta 2014, unha iniciativa que desenvolve WWF a nivel mundial para concienciar sobre a necesidade de evitar o cambio climático. Así, entre as 20.30 e as 21.30 horas, apagaranse as luces da praza e o Palacio Municipal de María Pita, a Casa do Home, a cúpula do monte de San Pedro e a muralla do Abente e Lago. E media hora máis tarde, entre as 21.00 e as 22.00 horas, apagaranse as luces da fachada da Torre de Hércules, xa que a zona acollerá a súa IV Carreira Popular a partir das 19.30 horas na que participarán case 3.500 persoas.

O Concello da Coruña únese a esta acción coa que se quere demostrar que entre todos se pode loitar contra o cambio climático. A Coruña adhírese a esta iniciativa para lembrar que toda a cidadanía pode ir da man para evitar que o planeta aumente a súa temperatura até un punto que se produzan danos irreversibles para a natureza, a economía e a saúde de todos. Ademais de apagar as luces da fachada da Torre de Hércules (salvo a lanterna do faro), a praza e o Palacio Municipal de María Pita, a Domus, a cúpula do monte de San Pedro e a muralla do Abente e Lago, o Concello difundirá a Hora do Planeta a través das redes sociais.

Na praza de María Pita, acenderase un conxunto de velas formando o lema 60 +. O Concello da Coruña tamén realizará actividades para nenos guiadas por dous monitores e cunha actuación a cargo dun dúo musical de corda. Repartiranse 2.000 dípticos e 100 posters. Si o tempo o permite, o Concello, en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío, tamén realizará unha observación astronómica.

O Goberno local aposta por impulsar políticas de aforro enerxético, un compromiso que se reflicte na Estratexia Contra o Cambio Climático. O Concello puxo en marcha un sistema de xestión centralizada da enerxía en máis de medio centenar de inmobles de titularidade municipal para un mellor control do consumo eléctrico. Ademais implantouse a ISO 50001 de xestión enerxética nestes edificios, o que favoreceu unha utilización máis eficiente da enerxía, así como unha redución dos custos e das emisións de gases de efecto invernadoiro.

28 de marzo de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.