O Concello da Coruña organizará dous concursos de escaparatismo para revitalizar o comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Emprego e Empresa, que dirixe Luisa Cid, sacou a licitación a contratación do servizo de deseño, organización, produción e difusión de dous concursos de escaparatismo que deberán celebrarse este ano en dúas datas diferentes: o primeiro na tempada primavera-verán e o segundo na campaña de nadal.

As empresas interesadas deberán incluír nos seus propostas servizos gratuítos de asesoramento aos comercios participantes a cargo de expertos en escaparatismo e a difusión de todas as accións nas redes sociais (Facebook, Twitter).

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, os mellores escaparates recibirán premios en metálico. En canto ao proceso de elección, en cada unha das campañas o cinco mellores escaparates elixiranse por votación técnica, que pasarán á fase final e o mellor escaparate decidirase por votación popular.

Haberá os seguintes premios: cada finalista recibirá 1.000 euros e 500 as asociacións ás que pertenzan. No caso de que o galardón recaia sobre comercios pertencentes á mesma asociación esta recibirá un único cheque de 500 euros. O gañador do concurso recibirá 2.000 euros e 500 euros a asociación á que pertenza.

Os concursos de escaparatismo forman parte do plan de revitalización do comercio impulsado polo Goberno local en colaboración co sector para fomentar a creatividade no comercio coruñés e potenciar a súa actividade.

En 2013 batéronse todas as marcas de participación con case 200 comercios  inscritos nos dous certames organizados pola área de Emprego e Empresa. O Concello repartiu 60.000 euros en premios e logrou a complicidade de miles de coruñeses que cos seus votos nas redes sociais elixiron aos gañadores.

27 de marzo de 2014 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.