O Concello da Coruña organiza nos mercados talleres de cociña infantís para fomentar os hábitos saudables
O Concello, a través da área de Mercados que dirixe Luisa Cid, organizará, tras o éxito do Fórum Gastronómico e aproveitando o interese que esperta a cociña, talleres culinarios para nenos en diferentes prazas de abasto da cidade durante os próximos sábados, co obxectivo de achegar os mercados aos máis pequenos, fomentar entre eles os hábitos saudables e promocionar os produtos de tempada.
Os gastrotalleres, de carácter gratuíto, celebraranse en cinco mercados municipais: praza de Lugo, San Agustín, As Conchiñas, Elviña e Monte Alto e poderán participar nenos de entre 6 e 12 anos. Antes de elaborar os pratos, os menores visitarán os postos acompañados de cociñeiros que lles axudarán a elixir os produtos e ensinarán as propiedades de cada un dos alimentos que utilizarán nos seus pratos. Os participantes recibirán un delantal e un gorro e elaborarán pratos sinxelos, entre eles, brochetas de froitas de tempada con salsa de chocolate e bocados de pito con aguacate e tartar de tomate.
Os gastrotalleres, cada un con capacidade para 15 prazas, desenvolveranse de 11.00 a 13.00 horas, en cada unha das seguintes datas e mercados:
-Praza de Lugo: 8 de marzo.
-San Agustín: 15 de marzo.
-As Conchiñas: 22 de marzo.
-Elviña: 29 de marzo.
-Monte Alto: 5 de abril.
As inscricións deben realizarse nas conserjerías dos mercados ou chamando ao 010, onde lles facilitarán a información necesaria para participar na actividade.
Os gastrotalleres infantís forman parte das accións que realiza a Concellaría de Mercados durante todo o ano dentro do plan de dinamización das prazas de abastos da cidade co fin de achegar os mercados tradicionais a todos os coruñeses, en especial aos máis novos, e para promocionar a calidade dos seus produtos, obxectivos que tamén perseguen outras accións como a campaña Calidade Divina.











