O Concello da Coruña instalará unha cuberta na pista deportiva de Bens
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa da licitación das obras para dotar dunha cuberta a pista deportiva ao aire libre de Mazaido, en Bens. O Goberno local reserva, para esta actuación tan demandada polos veciños, un total de 180.400 euros.
O obxectivo deste proxecto é dobre: por unha banda, protexer a pista fronte ás adversidades meteorolóxicas e, como consecuencia, que este equipamento teña un maior uso por parte dos cidadáns. As obras, cun prazo de execución previsto de 2 meses, consistirán na instalación dunha cuberta nesta pista de 2.246 metros cadrados, que é utilizada para a práctica de fútbol sala, balonmán, baloncesto, voleibol e tiro con arco.
A execución inclúe a escavación do terreo para realizar a cimentación e as instalacións de pluviais; demolición dos elementos da pista existente necesarios para implantar a cimentación; conexión do sistema de recollida de pluviais á rede; execución da estrutura e da cuberta, do sistema de evacuación de augas pluviais; e desprazamento da iluminación existente baixo a cuberta. A solución adoptada componse dunha estrutura metálica, a base de tubo estrutural de aceiro soldado e laminado e unha cuberta de ferros metálicos.
Esta actuación forma parte do compromiso do Goberno local por fomentar entre os cidadáns a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables. En 2014, a Concellaría de Deportes destinará 1,9 millóns de euros, un 18,8% máis que en 2013, a melloras nas instalacións deportivas e á celebración de eventos de deporte basee.











