O Concello da Coruña instala unha mesa informativa para resolver as dúbidas sobre consumo dos cidadáns
O Concello, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), que dirixe Luisa Cid, instalará mañá no Obelisco unha mesa informativa para resolver todas as dúbidas dos coruñeses en materia de consumo.
A iniciativa organízase con motivo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor que se conmemora o sábado, 15 de marzo, e conta coa colaboración das diferentes asociacións de consumidores da cidade: a Asociación Provincial de Amas de Casa, a Asociación de Consumidores e Usuarios, e a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia (Adicae).
O punto de información estará aberto de 09.00 a 14.00 horas e os expertos atenderán ás preguntas de todos aqueles consumidores que desexen ser informados sobre os seus dereitos e obrigacións en materia de consumo, en cuestións que encabezan o ranking das queixas dos consumidores, como a factura da luz, temas relacionados coa telefonía, a banca ou as compras por internet ou sobre calquera outro aspecto relacionado co consumo.
Así mesmo, a OMIC continúa coa súa tarefa educativa e ademais dos talleres concertados cos centros cívicos desenvolve durante marzo e abril cursos específicos nas súas instalacións centrados na protección do consumidor na rede. Para inscribirse, os interesados poden dirixirse ás oficinas da OMIC, na Costa da Palloza, número 8, ou ben no teléfono 981 18 98 20.











