O Concello da Coruña incorpora un novo vehículo á flota da Policía Local
A Concellaría de Seguridade Cidadá, que dirixe Julio Flores, informa de que a Policía Local sumará un novo vehículo á súa flota, que estará a disposición do servizo esta mesma semana.
Trátase dun vehículo todoterreo modelo Ford Kuga Titanium que se incorporará á unidade de distritos diúrna, asignado á sección de motoristas, para utilizar os días de choiva intensa no arrabalde e zonas rurais e, deste xeito, dar cobertura e apoio ás unidades a pé.
Adquiriuse polo sistema de renting por un prazo de catro anos e a un prezo de 13.900 euros anuais. Conta cun gancho de remolque desmontable e vén equipado con material e instrumental policial de última xeración para poder realizar controis e dispositivos policiais con maior eficiencia e seguridade. Estará equipado con sistemas de comunicacións, iluminación e sinais acústicos de emerxencia, así como con diverso material policial (lanternas, maletíns con conos plegables, botiquín ou extintor, entre outros).











