O Concello da Coruña creará novos itinerarios para fomentar o uso da bicicleta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) da Coruña busca dar prioridade -xunto a peóns e ao transporte público- aos ciclistas, desenvolvendo iniciativas que fomenten o seu uso, como a creación dunha rede de itinerarios para bicicletas, entre os que destaca a conexión do núcleo urbano cos campus universitarios; incrementar o número de aparcadoiros; e potenciar o servizo público de Bicicoruña.

O primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable da cidade defende que A Coruña é unha urbe “adecuada para a mobilidade en bicicleta” e, por tanto, para converterse nunha alternativa de transporte real para determinados segmentos de poboación e determinados tipos de viaxes, cunha ampla marxe de mellora, pois en 2012 só un 0,4% dos desprazamentos realizáronse en bicicleta.

A Concellaría de Mobilidade que dirixe Begoña Freire destaca que A Coruña dispón de varios tramos de vías ciclistas, pero non están conectados nin contan coa funcionalidade adecuada para atender os desprazamentos cotiáns e fundamentalmente teñen uso recreativo. Ademais, existen 82 emprazamentos para o estacionamento de bicicletas -principalmente ao longo do paseo marítimo-, con especial atención ao servizo público de Bicicoruña, cuxo uso se ha quintuplicado nos últimos anos.

“A bicicleta é o medio de transporte máis sustentable, polo que se debe fomentar o seu uso, mellorando a súa seguridade e formando aos usuarios e condutores doutros vehículos no uso compartido do viario”, sinala o diagnóstico do PMUS, que ten como principal obxectivo potenciar a utilización da bicicleta nos desprazamentos cotiáns polo viario urbano interior e que non sirva soamente para o lecer.

O Plan Mobilidade Urbana Sustentable recolle unha serie de propostas que vertebrarán a implantación da bicicleta e para corrixir as debilidades que na actualidade existen a nivel da mobilidade na cidade, como a falta de conexión entre cada un dos tramos da rede, a escasa adecuación das vías do interior urbano, os problemas de concienciación sobre mobilidade ciclista ou o nivel elevado de motorización na Coruña. Entre as principais iniciativas desenvolvidas no PMUS destacan:

Rede de itinerarios ciclistas

“Os tramos ciclistas actuais, basicamente con tipoloxía de beirarrúa-bici, son descontinuos, inconexos, sen entidade propia e asociados a itinerarios lúdicos que transcorren polo litoral e carecen do necesario carácter funcional. Dentro da cidade unicamente existen dous tramos, o da avenida de Pablo Picasso (con delimitacións de aceiro pouco apropiadas) e o do campus universitario da Zapateira”, segundo recolle o PMUS.

O principal obxectivo desta medida que se desenvolverá a curto prazo é mellorar a rede existente, eliminando as súas discontinuidades, crear unha rede de itinerarios ciclistas no interior do viario, conectar os barrios e conectar a rede co ámbito metropolitano, posibilitando a conexión da cidade cos municipios do Consorcio das Mariñas. Esta actuación permitirá conformar unha rede continua que conecte os principais centros de atracción e xeración de viaxes, así como coa rede actual e coa prevista para o carril bici metropolitano.
 
Sinalización de itinerarios ciclistas

Para mellorar a seguridade, a implementación da rede de itinerarios ciclistas completarase cunha adecuada sinalización que permita a súa correcta identificación parte do usuario de bicicleta e do resto de cidadáns.
 
Rede de aparcadoiros de bicicletas

O PMUS conclúe que a cobertura da rede de aparcadoiros de bicicleta no municipio é insuficiente. Por este motivo, a proposta baséase na implantación de novos aparcadoiros de bicicletas, nos principais centros de atracción, especialmente equipamentos, pero tamén se expoñen outras posibilidades:

Estacionamento en aparcadoiros subterráneos.

Aproveitamento de locais ou baixos libres dos edificios.

Potenciar Bicicoruña

Cunha media de usos por día de ao redor de 440, o servizo de Bicicoruña ten na primavera e verán os meses de maior demanda. A proposta que contempla o PMUS articúlase en dúas actuacións:

– Instalación de novas bases, con especial consideración aos centros de atracción de maior interese.

– Recolocación das bases que rexistran unha menor demanda (menos de cinco viaxes ao día), salvo que estea previsto un incremento en función ao resto das propostas do Plan de Mobilidade.
 
Fomento da intermodalidad bici-transporte público na Universidade

Esta proposta tamén complementa a rede de itinerarios ciclistas urbanos, na que se inclúe a construción dun itinerario ciclista que conecte o núcleo urbano co campus de Elviña. Outras medidas son:
 
Dotación de aparcabicicletas nos puntos de transbordo das liñas á Universidade, facilitando os desprazamentos en bicicleta desde o domicilio e o cambio de modalidade de transporte neses puntos.
Realización dunha proba piloto consistente na instalación de portabicicletas nas dotacións de autobús urbano da liña Universitaria.
 
Adecuación da ordenanza municipal de circulación

O Plan de Mobilidade Urbana Sustentable pretende facer da bicicleta un elemento fundamental da mobilidade da Coruña. Por este motivo é recomendable actualizar a vixente ordenanza, incorporando medidas e normas que promovan o uso deste xeito de transporte e faciliten o uso das vías ciclistas.  Entre os aspectos que se incluirán na normativa municipal están a elaboración dun rexistro de bicicletas e recoller medidas que aumenten a seguridade da bicicleta.
 
Cursos de uso da bicicleta

A realización destes cursos proponse a través dun formato mixto, no que se combine unha parte teórica e outra práctica. No entanto, dependendo do público destinatario, o curso podería realizarse nunha única sesión en ruta na que poder explicar e aplicar os distintos conceptos.
 
A través destes cursos, poranse en práctica aspectos do uso e da circulación da bicicleta, como as comprobacións previas, os aspectos asociados á seguridade da circulación, a coexistencia con os  peóns e outros modos de transporte, así como a circulación en diferentes tipos de vías, como carrís bici, carrís compartidos ou interseccións rotondas.

Trátase dunha proposta que forma parte do eixo sectorial de difusión e promoción de boas prácticas do PMUS e que inclúe:

– O desenvolvemento de cursos para concienciar respecto das vantaxes da bicicleta como modo de transporte sustentable.

– Eliminar as barreiras que a propia sociedade, por descoñecemento ou temor, impón respecto ao uso da bicicleta como medio de transporte nas cidades, transmitindo que non ten por que ser inseguro; e que ofrece inmellorables vantaxes enerxéticas, ambientais e para a saúde.

6 de marzo de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.