O Concello da Coruña convida os arquitectos galegos a optar ao deseño do proxecto do viveiro do Papagayo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Concello, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, anima a todos os arquitectos, a través do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), a presentar propostas para optar á redacción do proxecto de construción do viveiro de empresas do Papagayo, que na súa primeira fase afectará a unha superficie de 1.000 metros cadrados e que aspira a converterse en centro de innovación e referencia ao servizo dos emprendedores.

Para que os interesados poidan ver as instalacións, situadas no Bulevar do Papagayo, o Goberno local ha organizado unha xornada explicativa este venres, 21 de marzo, ás 17.30 horas. Ao encontro asistirá a tenente de alcalde Luisa Cid e técnicos municipais. Con esta iniciativa, o Goberno local quere dar a oportunidade aos arquitectos  de coñecer in situ as características do espazo e de expor cuestións e  posibles dúbidas respecto ao proxecto.

Superficies multifuncionais e espazos abertos, de gran flexibilidade, son algunhas das prescricións técnicas establecidas no prego de condicións da redacción do proxecto de construción do viveiro do Papagayo, cun importe máximo de licitación de 77.000 euros e dispoñible desde o pasado venres, 14 de marzo, no perfil do contratante da páxina web do Concello
www.coruna.es-.

“O viveiro debe ofrecer solucións rápidas aos seus futuros usuarios, ademais de ser un espazo punteiro no seu sector”, lembra Cid. Os profesionais interesados en asumir o proxecto -que inclúe a redacción do proxecto básico e de execución (incluíndo estudo de seguridade) e dirección de obra- poden presentar as súas propostas no Rexistro Municipal (de 09.00 a 13.00 horas) até o próximo 3 de abril.

O custo do viveiro do Papagayo, entre a redacción e dirección de obra e a posterior execución do proxecto, está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e nun 20% polo Concello, ascende a 765.277 euros (sen IVE) e a primeira fase afectará a 1.000 dos 2.109 metros cadrados do local que o Goberno municipal ten no Bulevar do Papagayo.

19 de marzo de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.