O Concello da Coruña comeza as obras de urbanización dos Mariñeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado da concelleira de Barrio Mariel Padín e de representantes veciñais, visitou esta mañá o barrio de Os Mariñeiros, onde o Concello empezou as obras de urbanización da área de Rehabilitación Integral (ARI). Cun investimento final de 203.892 euros, o novo proxecto inclúe a renovación de pavimentos, tanto na beirarrúa como na calzada, traballos de iluminación e reparacións puntuais, ademais de instalación de saneamento e recollida de pluviais.

Infraestruturas intervirá nunha superficie de 1.621 metros cadrados e os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses. A actuación enmárcase no proxecto de recuperación integral do barrio que leva desenvolvendo desde 2012. O Concello inviste 203.892,51 euros, o que supón unha rebaixa do 23,87% con respecto ao orzamento de licitación, fixado en 267.821,51 euros.

Esta intervención urbana comprende entre as rúas Antonio Pedreira Ríos, travesía Antonio Pedreira Ríos e Cangas de Morrazo. Fernández Prado destacou que é necesario reurbanizar a zona para realizar as conducións subterráneas que permitan retirar todo o cableado da fachada, así como completar a renovación urbana e unir desta maneira a praza do Grupo de Pescadores coa praza recentemente inaugurada de Os Mariñeiros e dar continuidade a unha serie de renovacións urbanas que se foron acometendo nos últimos anos na contorna do barrio.

As obras tamén inclúen unha repartición de espazos dedicados a tráfico rodado e peonil, así como unha mellora da delimitación dos espazos de estacionamento e melloras nos vaos peonís nas cruces. Neste sentido, increméntanse as beirarrúas ou se eliminan bolardos que existen actualmente. Así, por exemplo, na travesía Antonio Pedreira e a rúa Antonio Pedreira ensancharanse as beirarrúas até os 2 metros.

As árbores colocaranse en alcorques con acabado de pavimento drenante en cor, de forma que se minimice o mantemento. O pavimento actualmente existente é de baldosa hidráulica nas beirarrúas e laxas de formigón nos viarios. Asfaltarase de novo a calzada e pavimentaranse as beirarrúas con baldosa granallada gris.

O saneamento, actualmente, está resolto en rede de fecais e vaise a realizar unha nova rede para dar o servizo en pluviais. O cableado da iluminación pública actualmente é aéreo, polo que se realizarán as conducións subterráneas que permitan soterralo nun futuro. De acordo ás indicacións do Servizo de Bombeiros e Protección Civil, tamén se colocarán dúas hidrantes nos laterais do centro cívico.

20 de marzo de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.