O comercio local de Ourense liquida stocks na Mostra da Oportunidade con descontos de ata o 70%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A 21ª Mostra da Oportunidade abriu esta mañá as súas portas ofrecendo milleiros de artigos a prezos vantaxosos nunha ducia de sectores que converten ó recinto feiral de Ourense nun gran centro comercial onde os expositores están a liquidar os seus stocks. A práctica totalidade dos expositores son galegos, sendo máis do 80% da provincia de Ourense, polo que esta cita se converte ademais nun excelente escaparate para o comercio local polo que a organización agarda que pasen, dende hoxe e ata este domingo entre 15 e 16.000 visitantes.

Anticiparse á primavera é máis doado estes días na Mostra da Oportunidade, onde os expositores ofrecen todo o necesario para preparar tanto o armario, como o corpo ou o fogar de cara a chegada do bo tempo con descontos que chegan ata o 70%. O téxtil volve ser o sector con maior representación nesta cita, sumando preto do 50% dos expositores entre moda, roupa deportiva, calzado, pel, bixutería e complementos. Destaca a oferta en roupa e calzado infantil contando con varios expositores que ofrecen prendas dende recén nado ata os 14 anos con prezos que parten dos 3 euros.

Sobresae a ampla oferta en equipamento e material para o xardín como tumbonas, fontes ornamentais, prantas, árbores, barbacoas, segadoras, cortacéspedes, etc. Cambiando de sector, a Mostra ofrece produtos e tratamentos de estética de marcas de prestixio orientados ó antienvellecemento ou de perda de peso para axudar na “operación bikini”.

Esta cita pode ser tamén unha boa oportunidade para equiparse para o inverno que ven aproveitando os mellores prezos en abrigos, prendas de pel, calzado ou roupa de fogar, xa que os expositores están a liquidar os seus sotcks con ofertas especiais como 2×1, 3×1 ou prezos sen IVE. Ademais, o completo abano de prendas para cabaleiro convértena nunha boa opción para ir adiantando as compras do Día do Pai.

Tamén convén mencionar a ampla oferta en climatización con todo tipo de estufas, chemineas, combustibles, etc.

A Mostra presenta tamén a opción para facerse con produtos difíciles de atopar nas canles habituais de distribución e así poden adquirirse aparatos para cociñar como a Thermomix, de conservación de alimentos ou produtos para limpar calquera superficie. Destaca ademais a oferta en alimentación con produtos de calidade como licores artesáns, doces, embutidos ou conservas.

Expourense, en colaboración co asociacionismo, puxo en marcha unha acción que favoreceu a participación agrupada das empresas. A Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, conta coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para liquidar o periodo das rebaixas de inverno. Están presentes as asociacións de Ourense Centro, do Couto, a Asociación de Comerciantes de Allariz, a de Empresarios e Comerciantes de Maceda e a Asociación de Comerciantes do Moble de Ourense.

30% de desconto en RENFE

Aqueles que se decidan a visitar Ourense en tren para acudir á Mostra da Oportunidade, entre o 7 e o 9 de marzo, poden beneficiarse dun 30% de desconto en todas as liñas de RENFE, AVANT incluído. Para obter este desconto é preciso presentar o bono que se pode descargar na páxina web de Expourense, www.expourense.org, na sección adicada a esta cita.

Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira. A Mostra ofrece ademais un amplo aparcamento gratuíto e un área de lecer infantil destinada a gozar dunha xornada de compras en familia. Para premiar a fidelidade do público realizaranse ademais sorteos de material para o fogar e o CCA Couto Centro sortearán tres vales de 100 euros.

Todo isto e moito máis foi o que pudieron atopar aqueles que se decidiron a visitan hoxe a Mostra da Oportunidade, en Expourense, para ser os primeiros en aproveitar os mellores prezos deste centro comercial de Galicia que terá as súas portas abertas ata o domingo ás 21.00 horas.

7 de marzo de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.