O Colexio O Foxo recibiu esta mañá a Alonso Montero e Neira Vilas nun acto en honor da lingua

Dous instantes do acto que contou coa presenza de Alonso Montero e Neira Vilas
Despois da viaxe que os rapaces deste Colexio fixeran á Real Academia Galega o pasado mes de decembro, hoxe tocoulle ó Presidente desta institución devolverlles a visita.
Alonso Montero, non o dubidou e esta mañá achegouse ata a Estrada para disfrutar dun emotivo acto en honor á lingua que contou tamén coa presenza do escritor Xosé Neira Vilas.
Montero, nun ambiente distendido e case familiar, mesmo quitou a garabata para plantar un castiñeiro no xardín do colexio. Árbore que medrará ó lado doutras plantadas tamén no seu día por importantes persoeiros da cultura e a lingua galega.
Co salón de actos repleto de rapaces, houbo tempo para que tanto o Presidente da Real Academia coma Xosé Neira Vilas, se dirixiran ós cativos. Tamén o fixo o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou ademais a importancia dun evento que uniu a dúas figuras tan relevantes das letras galegas como Alonso Montero e Neira Vilas.
Segundo dixo Rosa Ferreira, directora do Colexio O Foxo, “o acto quedará na memoria do centro para sempre, foi moi agradable e moi didáctico para os rapaces”.
Para rematar a mañá, un grupo de nenos fixo unha performancemúsico-poética do poema Penélope de Díaz Castro, e entregáronlle a Montero unha edición especial do boletín que fai a biblioteca do centro. Foi o Piñeiriños, que é como se chama esta publicación, especial que se escribiu para conmemorar a visita dos rapaces á Real Academia Galega, na Coruña.
E para que se sentira coma na casa, o broche de ouro á xornada foi a interpretación, por parte doutro grupo de rapaces, e a cargo da profesora de música, da canción “Vivir na Coruña”.











