O Club Camaleón inicia a súa nova andaina en Brión cunha ducia de familias inscritas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de poñer en marcha o Club Camaleón, un programa de animación á lectura dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos de idade, que participan na actividade acompañados dun adulto. Trátase dunha iniciativa nacida ao abeiro dos contacontos e dos obradoiros para decorar a sala infantil da biblioteca municipal de Brión e que agora rexurde con forma como actividade trimestral.

Así, os segundos e os cuartos venres de cada mes, en horario de 18:00 a 19:00 horas, a biblioteca municipal de Brión acolle diferentes e divertidas actividades para os pequenos: xogos, contacontos, obradoiros… todos co obxectivo de fomentar o hábito da lectura entre os nenos e nenas de Brión. Uns xogos, contacontos e obradoiros nos que tamén participan activamente os pais e nais dos pequenos, que interactúan cos seus fillos durante toda a actividade.

Aproveitando o bo tempo, o Club Camaleón mesmo saíu á carballeira de Santa Minia para organizar varios xogos. Uns xogos que, cando eran superados polos pequenos, supoñían a entrega dunha pista para averiguar un misterio plantexado ao principio do xogo. Unhas pistas que “obrigaron” aos pequenos e aos seus pais a xogar dende á pita cega ata decorarse as súas caras uns a outros.

A ducia de familias que participa neste primeiro trimestre do Club Camaleón disfrutará de actividades os segundos e cuartos venres de cada mes durante os meses de marzo, abril e maio. Posteriormente, organizarase un segundo trimestre, no que tamén poden participar máis familias de Brión. O prezo total da actividade é de tan só 10 euros por trimestre, o que supón pouco máis de euro e medio por sesión. Máis información na biblioteca municipal de Brión (981 50 99 69) ou na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08).

18 de marzo de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.