O ‘circo das pulgas romaní’ e ‘Cafetería La Marina’ gañan o concurso de disfraces de piñata en Vilagarcía
O xurado do Concurso de Disfraces do Sábado de Piñata reuniuse hoxe para fallar os premios do certame organizado por Ahituvi, Concellería de Cultura e Zona Aberta e que tivo como marco varios locais de copas da cidade. O circo de Pulgas Romaní foi o gañador no apartado de grupos, mentres que a Muller Barbuda e Domadora e tigre venceron nas categorías indiviual e parellas respectivamente. O xurado concedeu o premio ao local mellor ambientado á Cafetería La Marina.
O xurado estivo composto por tres membros en representación de cada unha das entidades organizadoras. Por parte do Concello participou a edil de Cultura, Rocío Llovo; por Ahituvi, a secretaria do colectivo de hostaleiros, Raquel Mondragón; e por Zona Aberta, a presidenta, Rocío Louzán. Todos os premios foron outorgados por unanimidade.
O xurado destacou sobre todo a calidade e orixinalidade habida na categoría de grupos, na que se presentaron varios circos ao completo con todos os seus personaxes: o presentador, domador, trapecista, forzudos, pallasos, malabaristas, home bala, etc… Neste sentido, o xurado decantouse finalmente polo circo das pulgas pola singularidade de que tiña todos estes personaxes pero ademais caracterizados de pulgas.
Mención especial aos locais participantes
O xurado valorou moi positivamente a participación e a implicación da xente tanto á hora de elaborar os seus disfraces como de ambientar os locais hostaleiros e tamén quixo facer unha mención especial pola súa achega a este Sábado de Piñata aos locais hostaleiros que decoraron e ambientaron as súas instalación.
Tanto dende o Concello como dende Ahituvi e Zona Aberta reafirmouse a vontade de darlle continuidade a esta experiencia e repetir este concurso de disfraces do Sábado de Piñata no 2015.
A entrega de premios terá lugar o sábado 15 ás 13.00 horas na cafetería La Marina.











