O CIM de Cangas atendeu 1.745 consultas de 965 usuarias durante o pasado 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Centro de Información á Muller (CIM) pechou o ano 2013 con 965 usuarias e 1745 consultas atendidas o que supón un incremento do 12,46% respecto ás 1.545 consultas atendidas no ano 2012. Na súa maioría as consultas versan sobre asuntos relacionados co apoio psicolóxico (1.106) e co asesoramento xurídico (380), seguidas de aspectos relacionados coa información de recursos (226), emprego (19), orientación laboral (12) e información e secretaría (2). A maior subida porcentual respecto o anterior exercicio foi para o programa de información e de recursos cun incremento do 35,40%. Esta iniciativa trata de facilitar as usuarias información, orientación e asesoramento sobre os distintos servizos e recursos sociais ofrecidos por entidades públicas ou privadas na zona así como outras actuacións dirixidas a promocionar o asociacionismo ou  fomentar a educación non discriminatoria entre outras. Tamén destaca o incremento na demanda na área xurídica dun 21,58% respecto ao 2012.

Perfil da usuaria no ano 2013

En canto ao perfil da usuaria que acode ao CIM os datos revelan que a maioría teñen idades comprendidas entre os 36 – 45 anos (28%) e entre os 46- 55 anos (25%) sendo o colectivo das menores de 25 anos as que menos demandas os servizos deste departamento municipal (7%), xa que existe outro departamentos que atende estas demandas. En canto ao estado civil, predominan de xeito notable as casadas (39%), cifra na que se inclúen as persoas en trámite de divorcio ou separación, seguidas polas divorciadas (28%). No tocante a formación, a maioría de mulleres que utiliza algún dos programas desenvolvidos polo CIM son persoas que teñen estudios primarios (66%), a cifra redúcese a medida que existe unha maior formación ata o 19% con estudios medios e un 8% con estudios superiores. O 72% son mulleres son desempregadas das cales o 56,29% están no paro o 17% traballan no fogar e o 21% restante son pensionistas. O 72% das usuarias pertencen ao ámbito urbano que acoden nun 73% dos casos derivadas por outras administracións.

Programas de asesoramento

No programa de atención e asesoramento xurídico abordáronse maioritariamente cuestións relacionadas con peticións de xustiza gratuíta (34%) e tamén relacionadas co dereito de familia (32%) seguidas a certa distancia doutros asuntos vinculados ao dereito civil, fiscal ou laboral.

No programa de atención psicolóxica a maioría dos casos abordados dentro deste programa están referidos a problemas de parella, destacando os temas relacionados coa presencia de violencia (47%) ou a ruptura (33%). O índice de consultas en violencia é o máis alto tamén porque as mulleres que a sofren teñen un maior seguimento por parte do servizo. Na área psicolóxica grupal, en colaboración coa educadora familiar do departamento de servizos sociais, realízanse obradoiros semanais con carácter anual no grupo de mulleres, traballando coas súas habilidades para conseguir un maior empoderamento.

Violencia de xénero

Na área de apoio psicolóxico, no 2013 foron 40 os casos tratados de violencia da parella ou exparella dos cales 21 teñen orde de afastamento ou medidas de protección habendo ademais 5 casos de violencia familiar. A hora de abordar este tipo de casos vinculados especificamente á violencia de xénero resulta tamén moi destacable o traballo realizado no marco xurídico. De todas as consultas tratadas dentro do asesoramento xurídico o 4,47% son relativas a esta lacra social. Dentro das consultas referidas ao ámbito penal é de salientar que o 37% son de malos tratos e o 5% son sobre agresións e abusos sexuais.

Por último cabe salientar que ao longo do ano 2013 houbo 6 usuarias beneficiarias do programa de teleasistencia ATEMPRO para vítimas de violencia de xénero, sendo 5 delas novas altas.

Máis actuacións 

Dende o CIM tamén realizase unha importante labor en colaboración con outros departamentos e asociacións no desenvolvemento de actividades de intervención comunitaria e que están baseadas na promoción do principio de igualdade e no rexeitamento á violencia de xénero. Neste tipo de actuación está a organización de actividades puntuais, charlas, exposicións, xornadas,… dirixidas a sensibilizar á cidadanía.

Pola súa banda a concelleira de Benestar Dolores Gallego valora de xeito notable a labor desenvolvida polos servizos sociais municipais xa que “a pesar de que a igualdade entre mulleres e homes é un principio universal recoñecido en diversos textos internacionais sobre dereitos humanos, e de que a Constitución Española xa contempla a obriga dos poderes públicos de  promover as condicións para que a igualdade sexa real e efectiva, as políticas de igualdade seguen sendo, hoxe en día, un elemento imprescindible na loita contra a discriminación sexista” declara, “e continúan a ser un instrumento válido de cambio social, xa que as desigualdades prodúcense a diario na nosa sociedade,  sexa de forma directa ou indirecta, tanto no ámbito da vida familiar, laboral, económica,  cultural ou social” remata.

24 de marzo de 2014 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.