O Centro de estudos cooperativos da Universidade de Santiago percibe 20.000 euros da Consellería de Traballo
A Consellería de Traballo e Benestar está a colaborar a través dun convenio de colaboración co Centro de Estudos Cooperativos da Universidade de Santiago (Cecoop) cunha achega de 20.000 euros para a promoción do cooperativismo en Galicia.
O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, avanzou esta colaboración na xuntanza que mantivo hoxe en Santiago co Cecoop, un centro de investigación propio da Universidade de Santiago que ten como finalidade promover e desenvolver o coñecemento, a investigación, a docencia e a difusión das materias vencelladas co cooperativismo e coa economía social, establecendo vínculos de cooperación con outras organizacións e entidades galegas, nacionais e internacionais.
Entre as actividades que se levarán a cabo a través deste convenio de colaboración destacan a organización dunha xornada sobre emprendemento, economía social e cooperativas dirixida a profesores e alumnos das universidades galegas; a participación en sesións de dirección, de execución e científicas; o fomento da participación de investigadores do Cecoop en actividades de docencia e formación de investigadores; ou a elaboración dun tratado sobre contratación pública e cláusulas.
Así mesmo, impulsaranse actividades da Rede Eusumo da Consellería de Traballo e Benestar na USC coa implantación de puntos de información e a creación dun grupo de traballo para o emprendemento na economía social.
Esta actuación forma parte do fomento do cooperativismo que está a facer o Goberno galego, xa que é unha fórmula empresarial que está a resistir á crise. Desde 2009 creáronse 255 cooperativas en Galicia, que contan con preto de 5.000 socios. Na actualidade hai máis de 1.200 cooperativas activas na Comunidade, un 8% máis que nesa data.
A Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano máis de 1,8 millóns de euros, un 12 por cento máis que en 2013, en cinco liñas de axudas dirixidas a fomentar o cooperativismo en Galicia das que se prevé que se poidan beneficiar 500 persoas e 80 cooperativas. Entre estas liñas de axudas inclúese este ano por primeira vez un incentivo de ata 15.000 euros para os mozos e mozas que decidan poñer en marcha unha cooperativa xuvenil na Comunidade.











