O Centro de Emprego de Ferrol acolle unha xornada informativa para pequenas e medianas empresas
O Centro de Emprego do Concello de Ferrol, situado na rúa Sagrada Familia, acollerá este mércores 26 de marzo ás 20.00 horas, unha xornada informativa dirixida ás pequena e medianas empresas (PEMEs) do municipio a cargo da Factoría de Innovación da Coruña. O obxectivo deste encontro, promovido pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación Provincial da Coruña, é potenciar a innovación entre o tecido industrial. A xornada, de carácter gratuíto conta ademais co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Energía y Turismo.
Durante o encontro presentarase aos empresarios locais o Programa de Adestramento Individualizado da Factoría de Innovación da Coruña, no que poderán participar 101 pemes que, coa axuda dun coach especializado, serán capaces de identificar, definir e pór en marcha polo menos un proxecto innovador, que lles permitirá ser máis competitivas no sector no que operan.
Ademais, darase a coñecer o amplo programa de actividades que a Factoría de Innovación desenvolverá na provincia da Coruña, co obxectivo de reforzar a capacidade innovadora das empresas, favorecendo a implantación de iniciativas de I+D+i que dinamicen a súa actividade e melloren os procesos de produción e xestión. Con este fin, darase unha sesión que permita entender o valor deste proceso e algunhas recomendacións prácticas sobre iso.
A participación nesta xornada, así como en todas as actividades organizadas pola Factoría de Innovación da Coruña, é gratuíta e está aberta a profesionais, empresas, agrupacións empresariais ou institucións galegas que desexen potenciar a súa cultura innovadora. Os interesados deben realizar a súa inscrición a través da web www.eoi.es/fdi/acoruna ou enviando un correo electrónico a fdi_acoruna@eoi.es











