O Centro Cultural Carvalho Calero acollerá a terceira edición do Club de Debate de Ferrol
O sábado 29 de marzo o Centro Cultural Carvalho Calero, situado no Ensanche A, acollerá o terceiro Club de Debate. Trátase dunha iniciativa en que participan os concellos de Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ames Rois, Teo, O Carballiño e Carballo , co obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade ,especialmente os usos orais en contextos formais e informais, e fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia, combatendo así os prexuízos lingüísticos.
Na fase local de Ferrol danse cita os IES Leixa, IES Saturnino Montojo e CPR Compañía de María, este último con dous equipos
Equipo A IES Leixa –Coordinadora Victoria Mosquera López (10 membros)
Equipo B CPR Compañía de María – Coordinadora Lidia Rolán Fernández (7 membros)
Equipo C CPR Compañía de María – Coordinadora Lidia Rolán Fernández (7 membros)
Equipo D IES Saturnino Montojo – Coordinadora Carme Fernández Miranda (10 membros)
Os catro equipos enfrontaranse entre eles e terán que debater sobre o seguinte enunciado: Vivimos nun país de corrupción, tema seleccionado por votación entre os propostos por eles mesmos. Cada equipo terá que defender a postura en contra e a postura a favor, con argumentos e teses que levan preparando desde o mes de xaneiro no seu tempo libre.
O horario de desenvolvemento da actividade é dende as 09.15 horas até as 16.30 horas, cando se coñecerán os equipos gañadores e as puntuacións dos debates, o que dará paso a entrega de premios.
O equipo gañador recibira un premio de 500 euros e o finalista, de 300 euros. Ademais os dous serán os representantes do concello de Ferrol na final galega, que este ano se celebrará no Teatro Jofre o 26 de abril . Nesta final participarán oito equipos, dous da comarca de Santiago de Compostela , dous do Carballiño, dous de Pontevedra e dous de Ferrol.
Mecánica de cada debate
No que atinxe á mecánica de cada debate, será o/a coordinador/a de cada equipo quen lle presente a folla de composición do equipo de debate á presidencia do xurado ao tempo que se presenta ao público. A continuación, farase o sorteo das posturas a favor e en contra entre os dous equipos do debate correspondente. Tras uns minutos de cortesía para a organización dos equipos iníciase o debate de acordo co seguinte regulamento: comeza o debate o equipo que defende a postura a favor cunha exposición inicial de 5 minutos, e despois tócalle ao equipo que defende a idea contraria, co mesmo tempo de exposición. Cada conxunto de debate terá, a continuación, tres quendas de intervención tamén de 5 minutos cada unha, incluída unha a modo de conclusión de soamente 3 minutos de duración. Pecha o debate o equipo que defende a postura a favor. A duración total de cada debate será, pois, de 36 minutos.
Respecto aos membros do xurado, este estará formado por Rosana Freire Calviño , profesora de Filosofía do IES Punta Candieira (Cedeira), Sara Pino Ramos, técnica do SNL da Universidade da Coruña- Campus de Ferrol , Mª Adela Pita Permuy , técnica de normalización lingüística do Concello de Narón, Miguel Toval Porta, editor, Edicións Embora e Carlos Miragaya , director de Diario de Ferrol











