O Carballiño seguirá celebrando a súa Festa do Pulpo
“Desde o concello do Carballiño queremos, en primeiro lugar, agradecer á Real Academia de Galicia o que debatesen a proposta elevada desde este consistorio sobre a inclusión do termo Pulpo no noso dicionario, a pesar de que finalmente esta proposta non fose aceptada, non sabemos si pola maioría ou a totalidade dos académicos. Esperaremos a contestación que nos de este órgano galego sobre o resultado do citado debate. Escrito que remitiremos á súa vez ao Centro de Estudos Carballiñeses, que foron os que elaboraron o informe para solicitar esa inclusión no noso dicionario.
Entendiamos con esta petición que se podía enriquecer o noso dicionario, incluíndo termos que, aínda que non galegos de orixe, si usados pola maioría dos galegos. Algo similar ao que ocorre co termo Carnaval, que ten o seu termo galego Entroido, pero que non por iso se deixou de incluír no noso dicionario. Pero os que máis saben sobre o noso idioma son os académicos, e eles decidiron que o Pulpo non pode convivir co Polbo.
Tamén quero dicir, como alcalde desta vila que, aos que están contentos porque só se poida dicir Polbo, como aos que estean desgustados por que Pulpo non poida compartir espazo na nosa lingua con polbo, que non deixen de vir ao Carballiño a probar e a degustar o noso máis afamado prato, polo que se coñece a esta vila dentro e fóra de Galicia e, por sorte, nos catro puntos cardinais, o pulpo á feira, realizado polos nosos pulpeiros e pulpeiras desde hai séculos. A todos, aos uns e aos outros, que non deixen de vir á nosa vila á nosa festa, xa que todos teñen cabida e todos son ben recibidos.
Para finalizar dicir que a maior concentración gastronómica de Galicia, recoñecida de interese turístico nacional e a un paso de conseguir este recoñecemento no ámbito internacional, seguirá chamándose Festa do Pulpo, tal e como está rexistrada desde hai un ano. E que o máis importante desta festa é que O Carballiño sexa recoñecido en todo o mundo, que todos queiran vir coñecelo e a probar ese cefalópodo elaborado como só saben facer as nosas pulpieras e pulpeiros, nas súas pulperías ou coas súas caldeiras en calquera lugar do mundo.”











