O Carballiño informa das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero
A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.
Requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 3.2.a) destas bases reguladoras emitido no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude e, de ser o caso, cun informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.
b) Ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
c) Estar empadroada e residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou que estes sexan de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2014. Trámite no Centro de Información ás Mulleres da Concellería de Igualdade e Benestar Social.











