O Carballiño comeza a súa participación no Club de Debate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

Alumnos dos institutos Chamoso Lamas e Número Un do Carballiño están a dar os últimos retoques aos seus argumentos para participar no Club de Debate, onde competirán con alumnos de institutos de toda Galicia. A fase comarcal terá lugar este sábado, 29 de marzo, desde as 10:00 horas, no auditorio carballiñés.

O Club de Debate é un torneo de debates entre equipos, organizado como unha competición deportiva, que busca, por unha banda fomentar esta práctica dialéctica entre os alumnos, e ao mesmo tempo, o uso do Galego oral en contextos formais e informais. A través desta actividade dáse aos alumnos unha oportunidade de razoar, aprender e practicar sobre temas de actualidade e relacionados coa nosa lingua ou o noso país, á vez que se lles ofrece unha actividade gratificante e produtiva para a súa educación.

Esta actividade está organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos participantes, que esta ocasión serán os de Ames, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago, Teo e O Carballiño.

Os alumnos carballiñeses escolleron un tema para debater este próximo sábado: “Independencia para Galicia?. Cada equipo deberá defender unha postura, a favor ou en contra, usando para iso todo tipo de soportes audiovisuais.

Desde a área de Educación animan a todos os carballiñeses a que acudan a ver este debate, onde seguro sorprenderán os participantes que levan preparándoo varias semanas. Os gañadores desta fase comarcal acudirán directamente á final, que se celebrará en Ferrol, co que a presenza dun equipo carballiñés nesa final está garantida.

26 de marzo de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.