O cantautor Jabier Muguruza celebra con concertos en Ourense e Santiago os seus 20 anos como solista
O cantautor Jabier Muguruza celebra os seus 20 anos como solista con concertos en Ourense e Santiago estes días 7 e 8 de marzo, respectivamente.
Neles presentará o seu último traballo, ‘Beste Hogei’ –‘Outros vinte’–, que supón o número 12 da súa carreira como cantautor. Son 10 novos temas “como unha clara declaración de intencións”, destaca Komunika Kultura nunha nota de prensa. “Declaración de seguir adiante, de seguir traballando na canción de autor”, precisa.
Tras a repercusión do disco anterior, Muguruza ofrece unha obra na liña daquel ‘Bikote Bat’, pois, por unha parte, conta con textos intimistas escritos polos colaboradores habituais e, por outra, coas súas composicións persoais e o piano de Mikel Azpiroz.
Muguruza (Irún, 1960) é un músico e escritor vasco membro dunha ilustre familia de músicos. Os seus irmáns Fermín e Íñigo formaron parte de bandas míticas como Kortatu ou Negu Gorriak. El comezou a súa carreira como cantautor nos anos 90 mesturando rock, pop e jazz.
Publicou 12 discos en solitario, catro como integrante do grupo Joxe Ripiau, co seu irmán Íñigo e tres con Les Mecaniciens. A súa carreira literaria tamén empezou nos 90 ao fundar o grupo Emak Bakia xunto a Bernardo Atxaga, Ruper Ordorika e Jose Mari Iturralde. Publicou seis libros, varios deles de literatura infantil.











