O BNG descarta unha posible moción de censura en Ourense
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, descartou este martes o apoio da súa formación a unha moción de censura en Ourense, pero si pediu que os que están imputados “asuman as súas responsabilidades” e “dimitan”.
“A moción de censura creo que non é o procedemento que corresponde neste momento. O que procede é que se depuren responsabilidades e que quen están imputados asuman esas responsabilidades e dimitan”, sentenciou.
Tras remarcar que “non hai ningún concelleiro do BNG en activo que estea imputado”, posto que se esixe a dimisión a todos eles, Vence insistiu en que todos os políticos nesta situación deben deixar o seu cargo.
Preguntado polos xornalistas antes da protesta pola subida do canon de Sogama sobre o catro exediles nacionalistas imputados como membros da xunta de goberno de Ourense en 2008, referiu que “algún” nin sequera permanece en filas do Bloque.
Así, para Vence, trátase de “algo que forma parte da historia”, pero abundou en que “non hai ningún” cargo público do BNG imputado. “E si houbéseo, dimitiría inmediatamente”, remachou.
ELECCIÓNS EUROPEAS
Por outra banda, despois de que o luns anunciase que o BNG se está reformulando a súa alianza con Bildu tras descolgarse as CUP e que volverá analizar unha coalición con ERC para concorrer ás eleccións europeas, sinalou que “non hai ningunha outra novidade” sobre este proceso.
“Hai un proceso de reconsideración e de reevaluación da situación”, subliñou, antes de apostilar que xa hai contactos con ERC dentro un proceso que se está levando con “absoluta normalidade”.











