O Azkar Lugo volveu a competir ao máximo para derrotar a un pelexón Zaragoza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Encontro do Azkar Lugo co Zaragoza. Foto: pronelugoad.com

Encontro do Azkar Lugo co Zaragoza. Foto: pronelugoad.com

Hoxe o Azkar Lugo demostrou o seu paso dado na segunda volta a nivel de competitividade. Hoxe os lucenses volveron ser ese equipo peleón, cunha gran defensa, e iso serviulles para derrotar a un Umacón Zaragoza moi peleón tamén e que non tirou a toalla ata o último segundo (4-2). Os datos do partido son curiosos: Aranburu, lesionado, foi o autor de tres goles do Azkar de dobre penalti e só saltou a cancha para iso. O outro o anotou Mendiola cun golazo (quizais o mellor da xornada) desde a súa propia portería.

O partido foi igualado desde o seu inicio, aínda que as mellores ocasións serían para os lucenses no primeiro acto ante un Zaragoza algo conservador na súa formulación. Iso permitiulle ao Azkar Lugo xa avisar con tiro ao pau de Álex Diz ao minuto 2 e outra ocasión para Jandri, que hoxe reaparecía trala súa operación, e que a punto estaba de inaugurar o marcador. Ao Zaragoza custáballe chegar á meta de Mendiola, pero á que tivo meteuna e así unha falta indirecta ao bordo do área enviábaa ao fondo da rede Catela (1-0 min. 12). O partido parecía estar máis controlado polos lucenses, pero vían como as súas ocasións non atopaban porta. Arturo detiña ben a sete minutos para o descanso a disparo de Chano, xusto antes de que os maños cometesen a súa quinta falta. Diego Núñez ao minuto 15 enviaba un disparo ao longueiro e Víctor Tejel tíñaa ante Mendiola só dous minutos máis tarde. O Zaragoza acabaría castigado polas súas numerosas faltas e é que a dous minutos para o intermedio cometía a sexta e Aranburu saía a cancha para executar o dobre penalti ante un Abel que nada podía facer (1-1). Con empate no luminoso os equipos íanse a vestiarios.

O Zaragoza cambiou a súa formulación no segundo periodo. Adiantaba liñas no inicio e o choque igualábase, as ocasións repartíanse e a posesión tamén. Así Mendiola aos cinco minutos da reanudación aparecía para deter no segundo pau unha clara chegada dos rojillos e Arturo voaba dous minutos máis tarde para deter unha volea de Cuco. O partido estaba igualado, sen un claro dominador, resultado incerto e todo por decidirse. Víctor Tejel enviaba cruzado fóra ante Mendiola e o meta dos lucenses converteríase posteriormente en protagonista. Minuto 32 de partido, ocasión clara para Zaragoza con barullo dentro do área e que detén o madrileño que tras ver adiantado a Arturo lanzaba un obús que se coaba na meta zaragozana (2-1). Gol da xornada? ¡Que xeito de romper a igualdade no luminoso!. Pese ao gol o choque seguía igualado. Azkar buscaba a combinación e vía como Umacón Zaragoza cortaba moitas accións en falta, o que lle acabaría condenando xa que a seis para o final xa tiña cinco no seu casilleiro. Entón Toru Sato vestíase a camiseta de porteiro-xogador para os seus a catro minutos para o final para facer o porteiro-xogador. Pero os lucenses acabáronse de poñer o mono de traballo en defensa para prácticamente non deixar crear perigo por parte dos de Jorge Sampedro. O último minuto deu para moitísimo: primeiro a sexta falta dos maños era aproveitada por Aranburu para de novo desde o punto de dobre penalti poñer o 3-1. Parecía sentenciado o choque, pero Catela a 47 segundos do final, e cos maños utilizando as súas últimas balas co 5×4, facía o 3-2. O partido non estaba pechado, o Azkar tiña a posesión e escondíase no corner para que aí morrese o partido, os lucenses conseguíano e desquiciaban a un Zaragoza como se viu nunha acción na que a 17 segundos do final Víctor Tejel tiraba o balón con brusquedade ante un dos colexiados e era expulsado pola súa segunda amarela. Era a sentenza porque agora os maños tiñan a un home menos e o Azkar non perdía a posesión. A 27 décimas do final unha falta de Retamar custáballe tamén a segunda amarela e collía camiño de vestiarios. O partido morría cun novo lanzamento de Aranburu que se ía a gol (4-2) tras coarse entre as pernas de Abel e curiosamente hoxe o capitán do Azkar Lugo anotou un hat-trick sen pisar a pista máis que para eses tres lanzamentos de dez metros.

Gran victoria para o Azkar Lugo, que lle gaña a golaveraxe a outro rival directo e que o coloca con 22 puntos a seis dos zaragozanos e na décima posición da clasificación.

Ficha técnica:
Azkar Lugo 4: Mendiola, Diego Núñez, Iago Rodríguez, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Cospe, Álex Diz, Antonio Diz, Jandri e Aranburu.
Umacón Zaragoza 2: Arturo, Retamar, Duato, Víctor Tejel e Catela, -cinco inicial-, Keny, Luchi, Sato e Abel.
Árbitros: Del Pozo García e López Jiménez (comité madrileño). Amonestaron con tarxeta amarela a Antonio Diz, Álex Diz e Chano (Azkar). Expulsaron por dobre amarela a Víctor Tejel e Retamar (Umacón).
Incidencias: 23ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 700 espectadores.
Goles: 1-0 min. 12 Catela, 1-1 min. 18 Aranburu (dobre penalti), 2-1 min. 32 Mendiola, 3-1 min. 40 Aranburu (dobre penalti), 3-2 min. 40 Catela e 4-2 min. 40 Aranburu (dobre penalti).

1 de marzo de 2014 | 22:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.