O Azkar Lugo consegue o obxectivo da permanencia pese á súa derrota en Jumilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Encontro do Azkar Lugo e o Jumilla. Foto: Montesinos Jumilla

Encontro do Azkar Lugo e o Jumilla. Foto: Montesinos Jumilla

Un ano máis o Azkar Lugo FS conseguiu o seu obxectivo de manter a categoría na 1ª división do fútbol sala español. Os lucenses caeron por 5 goles a 0 en Jumilla ante o Montesinos, pero a súa ampla vantaxe de puntos con respecto ao posto de descenso (14 puntos) permítelle nesta xornada conseguir matemáticamente a permanencia xa que o Gran Canaria, que ocupa ese último posto, perdeu no seu encontro ante o Burela (3-7).

O partido desta tarde arrincaría con maior posesión para os murcianos. A escadra lucense defendíase en media cancha e sentíase cómoda xa que o Montesinos non creaba demasiado perigo. Os disparos exteriores dos locais os atallaba ben Mendiola mentres que Chano ao minuto tres gozaba dunha boa ocasión que atallaba ben Yeray. O partido tiña un guión claro, máis dominio dos blanquiazuis mentres que o Azkar buscaba o roubo. Os galegos nun par de ocasións subían a súa defensa, pero o estado resbaladizo da pista facíalle cometer erros e non quería arriscar. Chano ao minuto oito a punto estaba de sorprender a Yeray cun tiro moi afastado e a partir de aí o partido era moi táctico, repartíase algo máis a posesión de balón e as ocasións escaseaban. Tras esa fase de maior respecto por ambos equipos, o partido rompíase co 1-0 ao minuto 14 de Ique cando o xogador dos murcianos favorecíase dun rexeite no área e batía a Mendiola. Parecían crecerse os locais tralo gol e Lolo Suazo a catro minutos para o descanso estrelaría un disparo exterior no pau tras tocar Mendiola. Pero na recta final da primeira parte o Azkar Lugo tamén buscaría o gol e así Yeray detería a disparo de Iago Rodríguez. Coa mínima vantaxe dos de De Gea chegábase ao descanso.

Tralo paso por vestiarios, o partido seguiu na mesma tónica que os primeiros vinte minutos pero a primeira ocasión clara sería para os galegos cando Jandri recuperaba ao minuto 23 un balón pero o seu disparo, que sería a igualada, estrelábase no pau. Avisaran os lucenses, hoxe de negro, pero cando parecía preto o gol destes chegaría o 2-0 para o Montesinos Jumilla cando Pichi sorprendía a Mendiola cun forte disparo ao primeiro pau. Ese gol fixo moito dano aos galegos e pese ao tempo morto de Diego Ríos para que os seus non se fosen do partido, ao regreso do mesmo Lolo Suazo case sentenciaba o choque ao aproveitar unha xitana que o propio Suazo realizaba ao saltar desde o banquiño o que provocaba a superioridade e desde o bordo do área libraba a saída de Mendiola para facer o 3-0. Non esperaba máis Diego Ríos e pese a faltar dez minutos para o final do choque Cuco xa facía o porteiro-xogador. Pese a que a circulación era boa non había finalización e o Jumilla en dous minutos sentenciaba agora o choque con dous goles (5-0). Pese á desventaxa o Azkar Lugo non tirou a toalla e asediou a meta de Yeray que hoxe, como na primeira volta en Lugo, amosouse moi seguro e acabou desquiciando aos galegos parándoo todo, incluso os paus da súa meta botábanlle unha man. Mereceu o gol a escadra galega nesa recta final para colocar un resultado algo máis axustado, pero a sorte tampouco estuvo do seu lado.

Pese á derrota dos galegos, o Azkar Lugo consegue a falta de catro xornadas para a conclusión da liga o seu obxectivo de manter a categoría.

Ficha técnica:
Montesinos Jumilla 5: Yeray, Pizarro, Pichi, Lolo Suazo e Ique, -cinco inicial-, Rober, Chino, Josiko, Ángel e Baca.
Azkar Lugo 0: Mendiola, Iago Rodríguez, Jandri, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Diego Núñez, Antonio Diz, Cristian, Asier e Porto.
Árbitros: García Donas e Moreno Millán (comité catalán). Amonestaron con tarxeta amarela a Chino e Pichi (Jumilla).
Incidencias: 26ª xornada de liga en 1ª división. Pavillón Carlos García. Uns 600 espectadores.
Goles: 1-0 min. 14 Ique, 2-0 min. 27 Pichi, 3-0 min. 30 Lolo Suazo, 4-0 min. 31 Pizarro e 5-0 min. 32 Chino.

29 de marzo de 2014 | 22:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.