O auditorio de Ferrol entra no circuíto de visitas guiadas “Pensando en v.o.s”
O Auditorio de Ferrol entra a formar parte do circuíto de visitas guiadas aos grandes espazos culturais da cidade xunto co Teatro Jofre e o Centro Torrente Ballester, dentro da iniciativa “Pensando en V.O.S., Ver, Oír, Sentir”, posta en marcha pola Concellería de Cultura que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado.
Así, aquelas persoas que desexen coñecer as instalacións abertas por primeira vez ao público o pasado sábado coincidindo co Día das Pepitas e os actos institucionais de irmandade con Mondoñedo, deben poñerse en contacto co Concello de Ferrol por medio do seguinte enderezo electrónico: cultura@ferrol.es ;ou chamando ao número de teléfono: 981 944 180. Estas visitas guiadas son gratuítas e organizan de luns a venres en horario adaptado ás solicitudes. Ten que haber un mínimo de 10 persoas para levala a cabo e ademais do Auditorio existe a posibilidade de concertar visita guiada para o Jofre e o Centro Torrente Ballester. O programa “Pensando en V.O.S.” da Concellería de Cultura do Concello de Ferrolconta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.
A Concellería de Cultura organizou o pasado sábado pola tarde, coincidindo coa posta a disposición da cidadanía do novo Auditorio, visitas guiadas ás instalacións, en horario de 17.00 a 20.00 horas. Unha iniciativa que tivo unha magnifica acollida por parte da veciñanza, e á que se apuntaron un total de 150 persoas.











