O Auditorio de Ferrol acollerá a gala “Contigo podemos máis” no XX aniversario de Teima Asociación Síndrome de Down

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Auditorio de Ferrol volverá abrir as súas portas mañá venres para acoller a  Gala XX Aniversario de Teima Asociación Síndrome de Down, que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. O alcalde Jose Manuel Rey Varela asistirá a este evento que, entre outras autoridades, está previsto que tamén acuda a conselleira de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia Beatriz Mato. A gala comezará ás 18.30 horas.

As máis de 800 butacas das que dispón o Auditorio de Ferrol estarán ocupadas na súa práctica totalidade. Autobuses procedentes das catro provincias de Galicia achegarán ás instalacións a socios e familiares de Dowm e representantes e membros das numerosas entidades sociais que traballan no municipio tamén formarán parte do público que asistirá a esta gala aniversario: “Contigo podemos máis”. Ademais, este evento servirá para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Numerosos artistas e grupos participarán desinteresadamente na Gala, que se prolongará até as 21.00 horas e comezará coa entrega dos “I Premios Down Galicia” a Alcampo –na categoría de recoñecemento a unha institución- e a María Ferreiro –no apartado de distinción a un particular que teña sobresaído pola súa colaboración-.

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela destacou, unha vez máis, “o traballo fundamental que día a día realizan no nosa cidade entidades como Down”, e dixo que a celebración da súa gala aniversario no Auditorio “ten que valer para que sigamos tomando conciencia da importancia de avanzar, paso a paso, na integración social e laboral destas persoas que teñen moito que achegar á sociedade”.  Neste sentido, o Goberno Municipal , a través da Concellería de Benestar Social mantén dende o principio do mandato unha colaboración estable con Teima Ferrol, o que permite a esta entidade social realizar diferentes actividades e programas que contan cun financiamento por parte do Concello de 35.000 euros.

20 de marzo de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.