O Auditorio de Ferrol abrirá as súas portas coas Pepitas e a Irmandade con Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Auditorio de Ferrol abrirá as súas portas o vindeiro sábado, día 15 de marzo, cos actos institucionais de celebración das Pepitas e de irmandade con Mondoñedo. O vicepresidente e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e Agustín Hernández, respectivamente; e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, formarán parte do grupo de autoridades que asistirán a esta cerimonia; xunto con representantes dos diferentes estamentos políticos e institucionais, sociais e veciñais da cidade. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o vicepresidente do Goberno de Galicia serán os encargados de descubrir ás 11.00 horas a placa conmemorativa da apertura deste novo equipamento co que conta a cidade.

Trala apertura oficia do Auditorio de Ferrol desenvolverase a homenaxe ás madriñas e rondallistas con motivo das Pepitas, que este ano se celebran por primeira vez co recoñecemento de Festa de Galicia de Interese Turístico; así como o acto de irmandade con Mondoñedo. Estes actos comezarán a partir das 12.00 horas e estarán abertos ao público convidado. Os homenaxeados deste ano serán Juan Martínez Fernández, que forma parte de “Añoranzas”; Emilio Cebral González, de “Bohemios”; José Gago Pedreira, da rolda do “Club de Campo”; Francisco Piñeiro Couce, de “Sonidos del Alba”; e, a título póstumo, o poeta Manuel Piñeiro Pose. Xunto coas rondallas do municipio súmanse a este festexo as de Mugardos, Cariño e Neda. A música das rondallas será a primeira en soar dende o escenario do novo Auditorio dende o que interpretarán conxuntamente a canción “Ferrol, donde yo nací”. As Pepitas continuarán na xornada de tarde co seu festexo popular. Así, ás 18.00 horas as rondallas concentraranse na praza de Armas para comezar as roldas polas rúas da cidade; e as 20.00 horas comezará o festival na praza de Amboage.

Aparcamento na Escola Antonio de Escaño e visitas guiadas

Para a ocasión e, de maneira puntual, o Concello de Ferrol habilitará zonas de estacionamento de vehículos, que se suman ás ao redor de 80 prazas que hai dispoñibles no aparcamento do Auditorio. Neste sentido, contarase coa colaboración da Armada Española que permitirá o acceso de coches ao parking da Escola Antonio de Escaño. Ademais, e soamente para a xornada do sábado, habilitarase como zona de estacionamento a parcela pública situada fronte ao Auditorio e as explanadas situadas no entorno da Casa do Deporte. En total, as estimacións da Policía Municipal é que se habilitarán ao redor de 400 prazas de aparcamento alternativo nas proximidades do Auditorio.

O aforo do Auditorio de Ferrol, unhas 800 persoas, encherase no seu primeiro día de apertura con presenza no público de convidados polas rondallas e de representantes do amplo tecido asociativo do municipio: asociacións de veciños, entidades sociais e culturais, agrupacións empresariais e clubs e escolas deportivas.  Ademais, o Concello organiza para a tarde do sábado visitas guiadas ao Auditorio. A xente que o desexe pode coñecer as novas instalacións municipais en horario de 17.00 a 20.00 horas.

13 de marzo de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.