O Auditorio da Cañiza acolle a obra musical “Os 3 porquiños” con bonecos a tamaño real
Os tres porquiños é unha obra de teatro musical que ten como destinatarios principais os nenos e nenas con idades comprendidas entre os tres e os sete anos (Segundo Ciclo de Eduación Infantil e Primeiro Ciclo de Educación Primaria), acompañados polas súas familias ou polos compañeiros/as de aulas e os seus mestres/as e que será representada este domingo, 30 de marzo, no Auditorio da Casa de Cultura a partires das 18h30.
Sinopse I
Como serían os tres porquiños e o lobo feroz hoxe en día? Onde poderían atopar un lugar seguro e limpo, lonxe das grandes fábricas, no que poder construír as súas casiñas? Que ritmos musicais empregarían para se presentar?
A resposta a todos estes interrogantes, coma todo, está nos libros, e tamén na moderna historia que vai construíndo un explorador afeccionado aos contos que percorre o bosque na procura dos seus personaxes favoritos. Adiviñades cales son?.
EducaTeatro Producións está formado por un nutrido grupo de profesionais das artes escénicas e musicais co asesoramento de mestres e pedagogos de contrastada experiencia no eido da educación.
A música, a palabra e a diversión son os tres pilares fundamentais dos seus traballos, especializados no teatro infantil e xuvenil, cos que pretenden fomentar a educación en valores e presentan, dun xeito lúdico, a aprendizaxe das materias do currículo escolar.