O aparcadoiro e a praza das Conchiñas estarán finalizados no último trimestre deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña avanzou esta mañá que o aparcadoiro e a praza das Conchiñas estarán finalizados no último trimestre do ano. Así o anunciou na visita que realizou ás obras, cuxa execución alcanza o 35%: “Tanto o aparcadoiro como a praza estarán listos no último trimestre do ano, unha actuación que suporá urbanizar unha superficie de case 6.000 metros cadrados”, asegurou.

O alcalde informou de que, con motivo da demanda de veciños e comerciantes, o proxecto inicial foi modificado co obxectivo de aumentar nun 25% o número de prazas de aparcadoiro, desta forma pásase das 185 previstas ás 230: “O 50% das prazas destínanse a rotación, mentres que o outro 50% resérvanse para venda e aluguer. Destas últimas, case o 50% xa foron vendidas”, detallou e engadiu: “O obxectivo é dobre, por unha banda asegurar prazas para os veciños, e por outra, facilitar a rotación á xente que veña a comprar ao mercado e ás tendas”.

Desta forma, as obras, que supoñen un investimento de 3,3 millóns de euros, contemplan a construción dun aparcadoiro de dous plantas soto, baixo a propia praza. Haberá un total de 230 prazas de aparcadoiro, 13 para minusválidos. No Soto 1, haberá 114 prazas en réxime de rotación e no Soto 2, 116 prazas en réxime de concesión e para aluguer de abonados. O acceso e a saída realizaranse a través de dúas ramplas independentes por avenida das Conchiñas, despexando de tráfico a rúa Corcubión e ampliando o espazo peonil. Ademais, grazas a un cambio de sentido de circulación nun tramo da rúa Entrepeñas, facilitarase tanto o acceso como a saída do aparcadoiro desde e cara ao tres vías principais: Rolda de Outeiro, avenida Finisterre e Rolda de Nelle. Os traballos tamén inclúen a urbanización de todos os viarios en contacto coa praza.

“Trátase dun equipamento longamente demandado polos veciños e comerciantes da zona que, ademais, mellorará a accesibilidade ao mercado e a toda esta zona, incrementando a calidade de vida do barrio”, asegurou o alcalde quen explicou que o proxecto porá “especial coidado e mimo” en recuperar a praza, “un espazo esencial para a fomentar a convivencia na zona”.

A praza contará cun deseño moderno e aberto, será máis luminosa, ofrecerá zonas de descanso e área de xogos infantís, plantaranse un total de 75 árbores e integrará o mercado na propia praza proporcionando unha nova segunda fachada.

O alcalde lembrou que esta obra se suma a outras importantes actuacións que se están realizando na zona e que supoñen un investimento próximo aos 15 millóns de euros no barrio, como os traballos nas rúas Cuba e Entrepeñas; a apertura do equipamento social de Novo Boandanza ou a aula de emprego e a escola de emprendedores: “Un dos nosos obxectivos é que todos os barrios sexan de primeira e conten cun coidado urbanismo, ademais duns equipamentos adecuados que melloren as condicións e calidade de vida dos veciños”, finalizou.

17 de marzo de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.