O alcalde de Santiago pide “esperar que fale a xustiza” no caso dos 7 edís imputados
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, reiterou este mércores a súa confianza na inocencia dos sete edís imputados por prevaricación tras aprobar pagar a defensa ao concelleiro Adrián Varela, imputado na Operación Pokémon. Así mesmo, rexeitou “adiantar acontecementos” e instou a esperar “a que fale a xustiza” tras insistir en que o caso que se segue contra os concelleiros “non se trata de corrupción”.
A preguntas dos medios tras un acto en Conxo, Ángel Currás rexeitou concretar as impresións que lle trasladou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que mantivo con el por esta cuestión, dado que a súa conversación “queda no ámbito privado”.
No seu encontro, explicou, Currás manifestou a súa “opinión ao respecto” deste caso a Núñez Feijóo, “compartida co goberno de Santiago”, e o presidente popular le “escoitou”, sinalou.
Non obstante, o alcalde considera que a continuidade dos sete edís imputados no goberno local unha vez que a xuíza decidiu abrir xuízo oral “non é unha excepción” ao código ético do PP, dado que se trata “dun suposto diferente” e non “dun tema de corrupción”. “É unha decisión administrativa, que, por outra parte, tampouco chegou a materializarse, xa que o propio concelleiro renunciou a esa solicitude”, sentenciou o rexedor.
UNHA DECISIÓN NON ARBITRARIA
Tras manifestar o seu “respecto” á xustiza e á Fiscalía, Ángel Currás reiterou que esta cuestión ofrece aínda “dúbidas” ao goberno local. “Pensamos que é difícil que sete concelleiros se poñan de acordo para adoptar unha decisión inxusta e arbitraria”, sinalou o rexedor, quen apuntou que o acordo da Xunta de Goberno contou cun “informe xurídico” e “un informe complementario do interventor”
Preguntado sobre se ten tomada a decisión de esgotar o mandato co equipo actual, Ángel Currás evitou pronunciarse directamente e limitouse a sinalar que “espera seguir traballando por Compostela todos”. “Imos seguir traballando por Compostela no grupo municipal, por resolver os problemas de Santiago”, sentenciou.











