O alcalde de Poio entrega a Cores Tourís o estudo sobre o estado de conservación dos hórreos e palleiras de Combarro

Cores Tourís na reunión co alcalde de Poio
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Poio, Luciano Sobral, para analizar o estudo sobre o estado de conservación dos hórreos e palleiras de Combarro realizado por este municipio.
Segundo trasladou o rexedor a Cores Tourís, nas últimas semanas, un técnico municipal do concello de Poio estivo a analizar as características e necesidades que presentan cada unha destas singulares construcións de Combarro, “xa que algunhas se atopan en moi mala situación e se trata dun dos atractivos turísticos máis importantes da ría de Pontevedra”, explicou Sobral.
En total, o estudo analiza 75 hórreos e palleiras que presentan algunha deficiencia. Tal e como lle trasladou o alcalde a Cores Tourís, nos próximos días manterá un encontro con donos destas construcións, “de xeito que poidamos coñecer a implicación dos propietarios na mellora e recuperación destes elementos históricos de Combarro, recordándolles que, en especial, debe comezarse a reforma polos que se atopen en peor estado”.
O delegado territorial recolleu o estudo e trasladoulle ao alcalde de Poio que agora serán os técnicos da Xunta de Galicia os que o avalíen a reforma dos hórreos e palleiras deste municipio. “Somos conscientes da importancia que Combarro ten en canto a atracción de turismo, xa que se trata dun lugar con moito encanto” que recibe unha media de 5.000 visitantes nos meses estivais, explicou Cores Tourís, “polo que analizaremos este tema en profundidade, pero sempre tendo en conta que se trata de construcións privadas e que deben ser os seus donos os que dean o paso adiante para o seu mantemento e reconstrución”.
En relación ao xeito de arranxo e restauración dos hórreos, o informe conclúe que na súa limpeza non poden executarse produtos químicos, senón auga e cepillos de sedas vexetais de forma manual. “Ademais”, engade o traballo presentado hoxe ante o delegado territorial, “deberase procurar a recuperación das pezas fronte a substitución por outras novas, utilizándose materiais das mesmas características. O pintado das pezas de madeira deberá ser con pinturas que permitan a transpiración, e finalmente, deberán usarse métodos preventivos contra os microorganismos que poidan danar a vida útil da madeira”.
En relación ao mantemento da estrutura, os técnicos municipais engaden que deberán ser lavados cando se observe o comezo da aparición de fungos ou a formación de pátinas, e deberanse realizar comprobacións visuais periodicamente sobre os hórreos, eliminando a vexetación que crece nos seus arredores para evitar a presenza de axentes xilófagos. Neste senso, o concello, segundo apuntou o propio rexedor, terá que poñer en marcha unha norma para manter limpo e libre o espazo no que se atopa o hórreo, retirando o que non sexa adecuado ao contorno.











