O alcalde de Ourense diríxelles un “chamamento á cordura” a PP e DO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense acusa de “ansia voraz de poder” ao PP e a Democracia Ourensana, na oposición municipal, polas súas convocatorias de reunión para acabar co goberno local ou para acordar unha moción de censura, respectivamente, e diríxelles un “chamamento á cordura” para que fagan propostas “serias e produtivas”.

Nun comunicado, o rexedor Agustín Fernández, respondeu ás propostas que deron a coñecer o martes DO e este mércores o PP, que cualificou de “carreira armamentísitca do disparate”, en contraposición ao que representa a figura do expresidente do Goberno Adolfo Suárez, enterrado nas últimas horas en Ávila, do que Fernández destacou a súa “tolerancia e respecto institucional”.

No escrito, Fernández enfronta, como actitudes en política, a de Adolfo Suárez “convertido en referente por valores como o consenso, elegancia cos contrincantes, elevados niveis de propostas democráticas”, coas que atribúe a PP e DO como “reprimenda permanente” e proliferación de “ocorrencias”, nunha oposición “desesperada por desestabilizar e paralizar un goberno que simplemente codician por enriba de todo”, recolle no comunicado.

NON IRÁ ÁS REUNIÓNS

O rexedor anuncia, ademais, que non irá ás reunións convocadas -a segunda, do PP, aberta a todos os concelleiros de Ourense-, e pediu aos dous partidos convocantes “que elaboren propostas serias e produtivas, en lugar de instalarse no terrorismo político e nunha carreira armamentística do disparate”.

Ademais, instou ao PP “a gastar as súas enerxías en traballar cos seus compañeiros na Xunta para desbloquear os proxectos que teñen paralizados para Ourense, e cos do Goberno de Mariano Rajoy, para mellorar os investimentos na cidade e na provincia, que segue á cola de España en todos os indicadores”.

Segundo o rexedor local, os voceiros do PP, Rosendo Fernández, e de DO, Gonzalo Pérez Jácome, “mostran moi pouco respecto polos cidadáns de Ourense e case se pode palpar no aire a súa ansia voraz de poder, na que o último que conta é o interese polos ourensanos”.

26 de marzo de 2014 | 20:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.