O alcalde de Oroso valora a operación de Audasa para o acceso sur da AP-9 e espera que “as obras comecen canto antes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, recibe con agrado a operación realizada por Audasa para financiar as obras do enlace sur da autoestrada AP-9 en Sigüeiro, “aínda que sexa con atraso”. “Esperamos que agora que Audasa xa dispón de financiamento no haxa máis trabas e as obras podan comezar canto antes porque son unha verdadeira necesidade para Oroso”, explica Mirás Franqueira.

O alcalde orosán sinala que o enlace sur da AP-9 é “fundamental para sacar o tráfico pesado do centro de Sigüeiro e para mellorar a mobilidade dos nosos veciños e das empresas do municipio, que disporán dunha alternativa á N-550”. Ademais, Mirás lembra que a entrada sur da AP-9 é “froito de dez anos de xestións a todos os niveis, nos que chegamos a facer peticións ata a catro ministros de Fomento distintos para explicarlles a importancia que esta obra terá tanto para a economía de Oroso como para o benestar e a mobilidade dos veciños e veciñas deste municipio”.

O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 7,94 millóns de euros (dos que 747.000 euros utilizaranse para expropiacións e outros 1,38 millóns para a construción dun paso elevado sobre a AP-9). O proxecto completaría o enlace direccional norte actual cos movementos cara o sur, é dicir, que os vehículos procedentes de Santiago terían unha saída en Sigüeiro e se permitiría tamén a incorporación de vehículos dende Sigüeiro cara o sur de Galicia. Para iso, contémplanse unha serie de novos viarios, dous pasos elevados e unha serie de actuacións tanto na N-550 como na propia autoestrada do Atlántico.

 

28 de marzo de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.