O alcalde de Ferrol fai un chamamento á participación no acto de apoio ao sector naval o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, reiterou hoxe publicamente o seu apoio ao sector naval público da ría de Ferrol, aos seus traballadores e a todas aquelas accións que se teñen desenvolvido, desenvólvense ou desenvolveranse en defensa do presente e futuro dos estaleiros. “Como un ferrolán máis participarei na concentración que terá lugar este domingo polas rúas da nosa cidade”, deixo claro o rexedor municipal, que ademais fixo un chamamento á cidadanía en xeral para que se sume a esta convocatoria.

Así mesmo, o rexedor ferrolán demandou aos Gobernos de Madrid e Bruxelas “claridade sobre a necesidade de máis carga de traballo e sobre as alternativas de futuro propostas dende esta comarca para os estaleiros de Fene e Ferrol; xa que falar de futuro do naval e falar do futuro de Ferrolterra”. Ao respecto, engadiu que “por encima de calquera outro interese para este alcalde están os intereses dos ferroláns”. “A Ferrol non lle valen anuncios, nin palabras. Queremos feitos; e teño constancia de que se está a traballar con intensidade para concretar novos pedidos, pero mentres isto non sexa así toda presión é benvida”, insistiu o primeiro edil da cidade.

Nesta liña de cumprir os compromisos con Ferrol, Rey Varela manifestou que “o presidente Feijóo tiña o compromiso de conseguir un contrato e non se quedou nas palabras senón que cumpriu con feitos”, en alusión ao flotel que a factoría de Navantia en Ferrol construirá para PEMEX. “Feijóo é o primeiro presidente da Xunta de Galicia que ten conseguido un investimento estranxeiro no sector naval da ría de Ferrol”, valorou o alcalde. 

“Queremos seguir construíndo barcos”

O esperado contrato do flotel é un punto de inflexión para o sector, posto que supón o regreso á construción convencional despois de máis de dez anos sen pedidos neste ámbito, pero non palía a necesidade de novos contratos, por iso o Rey Varela declarou que “mentres non exista carga de traballo suficiente estarei ao carón das persoas, organizacións, entidades e colectivos que defenden que en Ferrol se ten que seguir construíndo barcos”, concluíu.

27 de marzo de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.