O alcalde de Ferrol anuncia unha actuación integral de asfaltado en viarios de San Pablo-Catabois
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa Asociación de Veciños de San Pablo – Catabois co obxectivo de repasar as actuacións de mellora e mantemento realizadas nesta zona da cidade ao abeiro do Plan de Barrios. Ademais do rexedor ferrolán, na reunión participou o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro Muñoz; así como a edil de barrio, Verónica Casal Míguez. Como vén acontecendo nestes encontros que periodicamente mantén o primeiro edil da cidade cos veciños, e coa finalidade de que estes poidan transmitir directamente as súas peticións aos responsables dos servizos, á cita desta mediodía tamén asistiron os supervisores dos servizos municipais de limpeza, zonas verdes, parques e xardíns, Policía Municipal, etc.
Así, entre as intervencións realizadas, Rey Varela destacou a reparación de beirarrúas na rúa Codesal e as tarefas de aglomerado levadas a cabo na rúa Tuimil; atendendo en ambos casos ás peticións da entidade veciñal. Así mesmo, intensificáronse as tarefas de limpeza viaria, con especial fincapé nos solares de propiedade municipal e nos camiños de Codesal, Sagrada Familia, Tuimil, Os Corvos e Paredón. Tamén se procedeu ao roce e limpeza do lavadoiro de Candocia e eliminación dun vertedoiro incontrolado no solar situado no cruzamento da rúa Carballo con Camiño do Paredón.
Ademais, os servizos de Iluminación e Emafesa executaron tarefas de mantemento, que consistiron tanto na reposición de cable roubado como en controis de calidade do abastecemento e reposición de tapas de rego e de arquetas no entorno da estrada de Catabois. No que atinxe a Parques e Xardíns, os operarios fixeron tarefas de conservación en máis de 17.350 metros cadrados de zonas verdes de San Pablo – Catabois (conservación e poda do arborado, limpeza e aporte de acolchado de 75 unidades de alcorque viario, etc…). Por último, revisáronse os parques infantil e biosaudable do barrio.
Actuacións de aglomerado
O alcalde de Ferrol aproveitou a reunión cos veciños para adiantarlles as intervencións de asfaltado con aglomerado que se acometerán en San Pablo – Catabois. Estas responden ás propias demandas trasladadas pola xunta veciñal e a previsión é que estas obras estean en execución no período estival. En total son tres grandes actuacións de aglomerado valoradas no seu conxunto en ao redor de 40.000 euros: Rúa Corral do Froitel (9.571,60 euros); Camiño dos Castros (8.247,38 euros); e camiño da Valenta.











