O alcalde de Cangas reúnese cos organizadores da Volta Ciclista a España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe a primeira hora da maña tivo lugar unha primeira reunión entre os organizadores da Volta Ciclista a España e o goberno local para comezar cos preparativos da organización do evento deportivo, concretamente con todos os aspectos relacionados co final da penúltima etapa que rematará en Cangas. A reunión estivo presidida polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, acompañado polo concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño e pola concelleira de Seguridade María Luísa Prieto así como responsables de Unipublic, entidade organizadora da cita deportiva, o presidente do Club Ciclista Cangas Adolfo Soliño, a aparelladora e o xefe da Policía Local.

O principal obxectivo deste primeiro encontro foi tratar todos os aspectos relacionados coa organización da loxística e valorar os posibles espazos a habilitar para o desenvolvemento deste importante evento deportivo. Neste senso valorouse como o lugar máis axeitado para situar a meta a zona do reloxo da Alameda Vella de Cangas, un lugar moi emblemático da vila en pleno casco urbano ademais de estudar a posibilidade de habilitar a Casa da Cultura como centro de prensa. Tamén analizouse a posibilidade de dividir a chegada dos equipos a o centro da vila, desviando aos vehículos pola zona de Longán, chegando os ciclistas pola avenida de Ourense ata a meta.

Os responsables da organización tamén puideron comprobar in situ os diferentes lugares onde transcorrerá o final de etapa, valorando as peculiaridades da vila a hora de organizar todos os aspectos loxísticos necesarios nun gran evento deportivo como é a Volta Ciclista a España.

O concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño destacou ao rematar a reunión que “os responsables da organización amosáronse moi satisfeitos co feito de que remate aquí a etapa” afirmou “sobre todo por tratarse dunha vila mariñeira e aberta ao mar dotando ao percorrido de maior beleza e espectacularidade” engadiu. O edil sinalou a importancia de que cheguen a Cangas “eventos da importancia da Volta Ciclista a España, de relevancia internacional que supón o escaparate único para amosar a nosa vila e a nosa terra a centos de milleiros de persoas”.

Estímase que en dentro dun mes teña lugar unha nova reunión para continuar traballando na organización da cita deportiva.

5 de marzo de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.