O alcalde de Brión valora a incorporación de Rianxo á Mancomunidade Serra do Barbanza
O presidente da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza e alcalde de Brión, Xosé Luís García, fai un balance positivo do seu mandado á fronte da entidade, que agora será traspasado ao alcalde de Carnota, Ramón Noceda Caamaño. Xosé Luís García lembra que as súas etapas á fronte da Mancomunidade están sempre acompañadas “dunha intensa actividade dirixida á construción e preservación da Mancomunidade, pois foi cando se rexistraron as incorporacións de Rois (2004), Pontecesures (2005), Ames (2006) e agora Rianxo”.
Así, a Xunta e a Asemblea Xeral da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza acordou na súa reunión do pasado mércores 26 de marzo aprobar a proposta de adhesión do Concello de Rianxo, así como a modificación dos Estatutos da Mancomunidade para a súa incorporación como membro de pleno dereito. A incorporación do Concello de Rianxo implica:
-A modificación do artigo 1.1. dos Estatutos da Mancomunidade que quedaría redactado como segue: “Constitúese a Mancomunidade integrada polos seguintes Concellos: Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Porto do Son e Rianxo”
-Remisión do acordo de modificación dos Estatutos ao Boletín Oficial da Provincia para información pública polo prazo dun mes e, ao mesmo tempo, á Deputación Provincial é a Consellería competente en materia de réxime local para o seu informe.
-Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes solicitados (ou transcorrido un mes sen que fosen emitidos), someterase o acordo de modificación ós plenos dos concellos mancomunados. A adopción deste acordo, que resolverá as alegacións que se puidesen presentar, requirirá do voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros das corporación locais.
Sancións a FCC
Por outra banda, Xosé Luís García tamén lembra que baixo o seu mandado “e despois dun amplo proceso negociador coa empresa FCC S.A., é cando se lle abren os primeiros expedientes sancionadores por reiterados incumprimentos das condicións do contrato e se realiza unha auditoría da concesión, que penso que vai desembocar nunha petición de resolución do contrato con FCC por parte da Mancomunidade”.
De feito, durante a Xunta e Asemblea deste mércores se resolveron dous expedientes sancionadores a FCC pola comisión de infraccións de carácter grave e moi grave polo incumprimento de diversas obrigas en materia de tratamento dos residuos estipuladas no Contrato e Pregos, con multas que van dos 800 ós 1.500 € (fundamentalmente relacionadas coa cantidade e calidade do compost obtido e co envío ó vertedoiro de rexeites en cantidades superiores ó 30% dos RSU entrados no Complexo); e por non ter elaborar o inventario de bens afectos ós servizos concedidos (cunha sanción de 1.202 €).
Así mesmo, a Mancomunidade desestimou a solicitude de resolución do contrato presentada por FCC, que alegaba unha demora nos pagamentos superior a seis meses que a Mancomunidade non recoñece. Así mesmo, a Mancomunidade pediulle a FCC unha valoración económica contrastada para a renovación dos investimentos cunha vida útil de 10 anos (camións de recollida, contedores e outra maquinaria) por importe de 2.434.898,57 euros, presentada pola concesionaria.
Co remate da Presidencia de Xosé Luís García, trasládase a sede da Mancomunidade ao Concello de Carnota. Ao novo Presidente, Ramón Noceda, vaille corresponder, entre outros temas:
-reorganizar a dirección da Mancomunidade pola xubilación do xerente Xosé Bravo que se prevé, inicialmente, para finais de maio
-resolver os problemas da débeda dalgúns concellos, deseñando instrumentos áxiles e efectivos para o seu cobro
-encamiñar os procesos de separación ou incorporación definitiva dos concellos adheridos á Mancomunidade
-e, previsiblemente, propor a toma de duras decisións coa empresa concesionaria do servizo.











