O alcalde da Coruña presenta as novas instalacións do Parque de Bombeiros que permitirán reducir os tempos de intervención
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, acudiron esta mañá ao Parque de Bombeiros para visitar as novas instalacións que van albergar os vehículos e material de prevención e de especialización, así como os novos accesos dos vehículos de extinción de incendios que permiten mellorar os tempos de resposta nas intervencións do SEIS, grazas a un investimento de 423.000 euros, en concreto, 378.197 euros para a nova cocheira e 44.894 euros para os accesos.
“A nova cocheira avanzada permítenos albergar os vehículos destinados a prevención e a tarefas especializadas, como os de mercadorías perigosas, o Centro de Mando Avanzado ou os que se utilizan en rescates en altura. Desta forma mellóranse os tempos de saída e de intervención, así como a calidade e o mantemento dos vehículos”, indicou Negreira, quen engadiu: “Leváronse a cabo obras, dentro do plan Smart City, para que os vehículos do SEIS teñan acceso directo á rotonda de Eduardo Diz e mesmo controlar a regulación dos semáforos para que outorgue prioridade absoluta aos vehículos de bombeiros”.
A nova cocheira avanzada ten unha superficie construída en planta de 454 m2, que permite albergar 5 camións de grandes dimensións ou 9 camións de tipo estándar, e nove portalóns que facilitan o acceso desde o interior e desde o exterior o que axiliza a saída dos vehículos en caso de emerxencia.
O novo acceso directo desde o Parque de Bombeiros cara á glorieta de Eduardo Diz facilita a saída de emerxencia máis rápida e segura, mediante a creación dun viario que conecta coa glorieta, a reposición da beirarrúa cun paso de peóns accesible e a instalación de tres semáforos controlados desde o propio Parque de Bombeiros cando se realicen saídas de emerxencia: dous deles cortan a rúa de saída do parque en ambos os sentidos e outro regula o acceso de vehículos pola estrada de Baños de Arteixo.
NOVAS PRAZAS DE BOMBEIROS
O alcalde informou de que o día 24 de marzo comeza o proceso selectivo para 3 novas prazas de bombeiro que van incrementar o persoal do SEIS e que empezará co desenvolvemento das probas físicas o 24 e 25 de marzo nas instalacións deportivas de Elviña e na cidade deportiva de Riazor.
Negreira destacou o gran traballo realizado polo SEIS en 2013, no que se duplicaron as actividades preventivas: realizouse un esforzo importante en materia de prevención, con máis de 300 actividades e máis de 4.000 horas de traballo para desenvolver reténs preventivos en eventos deportivos, culturais, sociais e de seguridade, simulacros, visitas de escolares, informes técnicos sobre medidas de contra-incendios en edificios públicos e privados abertos ao público e de plans de autoprotección de edificios municipais. Neste sentido, impartíronse charlas en centros escolares para que os mozos puidesen minimizar os riscos na noite de San Juan, así como o gran traballo realizado pola Unidade de Rescates en Litoral na noite de San Juan de 2013, unha das máis complicadas dos últimos anos pola coincidencia da pleamar cunha forte ondada, ademais da súa presenza nos operativos especiais por alertas meteorolóxicas.
Durante o pasado ano 2013, por primeira vez desde 2006, aumentou nun 13% o número de intervencións do SEIS (1.485) debido, principalmente, ao incremento dos dispositivos especiais de seguridade e emerxencia ante fenómenos meteorolóxicos adversos. “Desde o Goberno municipal imos seguir apoiando o seu traballo co impulso dun programa educativo sobre seguridade cidadá e emerxencias que continúe incidindo na prevención de riscos; co investimento de máis de 1 millón de euros para seguir mellorando o Parque de Bombeiros coa construción dunha nova torre de prácticas e poder adquirir un novo vehículo lixeiro e un camión de rescate en altura; e tamén se finalizará a formación, equipamento e despregamento da Unidade de Rescate en Litoral”, concluíu.











