O 70% das mulleres que participaron no Obradoiro de Emprego de Cambre atoparon traballo
O goberno local destaca a incorporación ao mercado laboral das mulleres que tomaron parte no obradoiro de Emprego orientado á Atención Sociosanitaria, organizado polo Concello e financiado pola Xunta de Galicia, e que tivo lugar en 2013. E é que dos 25 alumnos, 24 foron mulleres con dificultades de inserción laboral. Segundo o alcalde, Manuel Rivas, os datos son esperanzadores tendo en conta a crise económica que está a afectar a todo o país. “Estes datos demostran que este tipo de políticas activas de emprego son efectivas para atopar traballo e por iso debemos seguir apostando por elas, axuntando formación e práctica encamiñada a unha soa dirección, encamiñadas ás necesidades das empresas e ás demandas dos cidadáns”, apuntou o primeiro edil.
Segundo os datos que manexan os técnicos de Emprego do Concello de Cambre, o 70% das persoas que participaron no obradoiro de Atención Sociosanitaria están a traballar (a data de febreiro de 2014). E ademais, desas persoas que atoparon traballo máis do 80% fixérono neste sector que se abordou no taller de emprego.
O Obradoiro de Emprego que concedeu a Consellería de Traballo tiña como fin formar e empregar durante seis meses a 25 desempregadas de Cambre, especialmente aos maiores de 25 anos, que se atopan con importantes dificultades para acceder ao mercado laboral. Desas 25 desempregadas, 17 mulleres atoparon emprego, polo que a efectividade neste tipo de obradoiros enfocados directamente ás necesidades reais da poboación e das empresas que prestan determinados servizos, neste caso a atención sociosanitaria a persoas tanto en institucións como en domicilios.
Segundo a edil de Promoción Económica e Emprego, Marta Vázquez, cumpríronse as expectativas do taller polo que se volveu a convocar un idéntico. “As cifras demostran que as mulleres cambresas saben aproveitar as oportunidades cando se presentan. Demostraron unha gran capacidade e actitude, reflícteno os datos de inserción que arroxa o obradoiro. Non estarei totalmente satisfeita mentres haxa cambreses en paro, polo que a miña obrigación é seguir apostando por este tipo de talleres de emprego e polos cursos de formación para paliar na medida do posible esta secuela”, sentenciou Vázquez.
Este ano, debido ao éxito do programa que convocou a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, o concello volveu a organizar un obradoiro coas mesmas características. Así, a intención do grupo de goberno cambrés que os alumnos se formen nunha actividade que nestes momentos ten moita demanda como é a atención sociosanitaria a persoas nos centros especializados de atención a persoas como unha válida alternativa laboral. A subvención concedida ascende a un total de 195.435 euros, que sufragará os gastos de 7 técnicos entre os que se atopan os docentes e o persoal administrativo e os salarios dos 22 alumnos. A duración do Obradoiro de Emprego durará seis meses, sendo o salario dos alumnos seleccionados algo superior ao mínimo interprofesional. O concello xa formalizou convenios de colaboración con varias entidades relacionadas co sector sociosanitario e que son de carácter non lucrativo por exemplo ASPACE, Aspronaga, Residencia de Maiores de Oleiros, Paimeni.











