O 32% das empresas do Polígono de San Cibrao non conta con páxina web e o 77% nin sequera está nas redes sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

As empresas do Polígono de San Cibrao das Viñas, o maior polo de innovación e de actividade industrial da provincia de Ourense, aínda presentan notables deficiencias no aproveitamento das novas tecnoloxías da información e as comunicacións. Un recente estudo da Asociación de Empresarios detecta necesidades de formación e divulgación neste ámbito, para lograr unha óptima presenza nas canles virtuais da distribución comercial.

Segundo os datos do informe, o 31,5% das 241 empresas asociadas aínda non dispón de páxina web corporativa. É dicir, un total de 76 firmas carece de espazo web propio, fronte a 165 que si contan (o 68,5% do total) con esta ferramenta dixital para ofertar produtos e servizos máis aló dos seus mercados convencionais. Das 165 empresas asociadas con páxina web, 108 utilizan o castelán como único idioma. Este dato representa que o 68% das webs corporativas ‐incluídas catro que se atopan en construción‐ só ofrece información sobre a súa marca e sobre a súa actividade en idioma castelán. Outro cinco webs están en castelán e galego, e 15 en castelán e inglés, mentres que as que combinan o tres idiomas ‐castelán, galego e inglés‐ son unicamente cinco.

Ademais, unha empresa optou por promocionarse na Rede en castelán e francés, outra só en inglés e francés, e tamén una en inglés e portugués como únicas linguas. Trátase de compañías multinacionais que dispoñen dunha filial ou dun centro de produción no Polígono de San Cibrao.

Por outra banda, dáse tamén a solitaria experiencia dunha web coa tripla opción de castelán, inglés e francés. Finalmente, o grupo de empresas que dispón de versións en castelán e en máis de dous idiomas estranxeiros ascende a 24, cifra que representa o 28% do total.

Un dos datos máis relevantes do estudo realizado pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, sobre a utilización de internet por parte das empresas asociadas, é o que pon de manifesto que o 71% das firmas con páxina web (117 en termos absolutos) non fai uso de ningún idioma estranxeiro para promocionar os seus produtos e servizos na Rede. As webs con versión nalgunha lingua estranxeira limítanse ao 29% do total (48 empresas).

Sen voz nas redes sociais

Si o informe detecta limitacións na implantación de webs corporativas, cunha terceira parte de empresas asociadas que segue carecendo de presenza directa, os datos aínda resultan máis reveladores na análise sobre a actividade promocional nas redes sociais máis participativas, como Facebook, twitter, youtube ou MySpace.

Dos 241 socios do maior polígono industrial e empresarial da provincia, só 55 firmas utilizan habitualmente as redes sociais, fronte a 186 que non forman parte de ningunha das grandes comunidades participativas. En valores relativos, o 77,2% das empresas aínda non emprega as redes sociais, fronte a un 22,8% que si o fai. Ante o potencial que ofrece a mercadotecnia en social media, e ante o auxe e rendibilidade do comercio electrónico en todo o mundo, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas ten previsto pór en marcha diferentes accións de formación para conseguir un maior aproveitamento das ferramentas dixitais nas empresas asociadas.

Para fortalecer a implantación das novas tecnoloxías da información nas empresas, a Asociación acometerá un proceso de sensibilización e apoio ante as Administracións, co obxectivo de captar os recursos necesarios para estender o uso e para multiplicar este ano os cocientes de sociedades con páxina web e con presenza activa nas redes sociais.

Neste sentido, manteranse xestións co sector público encamiñadas ao financiamento das iniciativas relacionadas coa economía dixital. Ademais, nas próximas semanas presentaráselle á Consellería de Economía e Industria un novo proxecto consistente en dar impulso ao comercio exterior das empresas de San Cibrao utilizando unha imaxe de marca unificada.

O presidente do colectivo empresarial, Elías Mera, considera “unha verdadeira prioridade para a Asociación prestar apoio ás empresas, aos equipos directivos e aos traballadores para que o maior polígono ourensán sexa tamén una das maiores plataformas de Galicia en utilización das novas canles de venda vinculados ao comercio electrónico. Detectamos importantes carencias e necesidades, e o noso obxectivo é cubrilas con formación e con apoio continuado ás empresas”, resalta.

A Asociación tamén traballa noutras propostas para as que buscará a implicación e a colaboración de diferentes institucións, como a posta en marcha dun gabinete de apoio á internacionalización para axudar ao empresariado a superar dous das principais barreiras que xorden cada vez que unha firma decide exportar: a procura de mercados e o acceso ás liñas de financiamento.

10 de marzo de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.