O 31 de marzo inaugúrase a mostra “IllustrActiva” de Xosé Cobas en Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O día 31 de marzo de 2014, luns, ás 19.00 inaugurarase a exposición “IllustrActiva” de Xosé Cobas no IES Afonso X O Sabio de Cambre.

Ao acto acudirán, ademais do propio artista, autoridades municipais e educativas, así como os equipos directivos dos CEIP O Graxal, Portofaro e do propio IES Afonso X O Sabio e das AMPAs.

A exposición no IES Afonso X O Sabio enmárcase dentro do proxecto “Arte na Escola” organizado conxuntamente polos tres centros educativos de Cambre, anteriormente mencionados, como parte do Contrato Programa na modalidade de “Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia educativa” da Consellería de Educación, contando ademais coa colaboración do Concello de Cambre. Este programa persegue o achegamento do alumnado á arte contemporánea a través do contacto directo cun artista por trimestre. No mes de maio contarase coa participación do escultor Manolo Paz.

Ademais da exposición de Xosé Cobas, haberá en cada centro obradoiros co artista que orientará ao alumnado nos seus traballos plásticos. Tamén ofrecerá unha conferencia sobre o seu labor como deseñador gráfico. Igualmente cóntase cunha exposición bibliográfica coas obras literarias ilustradas polo artista residente en Cambre.

Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, 1953) expuxo por vez primeira na Coruña en 1977 e, dende entón, o seu traballo como ilustrador e deseñador gráfico non deixou de acadar o recoñecemento público a través de numerosas distincións e premios, como o último recibido nas pasadas semanas polo mellor libro ilustrado de literatura infantil e xuvenil de Galicia en 2013 pola obra de Miro Villar “A pantasma da casa da Matanza”.

Ten traballado con numerosos autores, sendo salientables as súas colaboracións con Xabier P. Docampo, Antonio García Teijeiro, Tucho Calvo ou Juan Farias. Ademais ilustra periodicamente para La Voz de Galicia.

28 de marzo de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.