O 24 de marzo finaliza o prazo de inscrición no “Taller de Ideas” de Mos
A concellería de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos, dirixida pola edil Kely Monzón, participa na organización dun “Taller de Ideas: Cara o emprendemento desde a participación” para a xuventude do Concello e para fomentar a iniciativa emprendedora, e así paliar as elevadas taxas de desemprego xuvenil. Dende o departamento municipal lembraron hoxe que aínda quedan prazas dispoñibles para participar e que os interesados teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro día 24 de marzo.
Este programa formativo, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, ten como obxectivo proporcionar ós mozos e mozas Galegos coñecementos e destrezas en canto á redacción e execución de proxectos que teñan previsto presentar propostas no marco do programa Iniciativa Xove, ou noutros similares de participación xuvenil.
Os obxectivos do taller son a consolidación destes programas como elementos dinamizadores e impulsores de iniciativas innovadoras e electos valiosos no currículo non formal da mocidade, habilitar aos participantes en competencias sobre a redacción de proxectos de participación, aumentar a calidade dos proxectos presentados pola mocidade, divulgar os programas Iniciativa Xove, Xuventude en Acción e outros programas relacionados, preparar ás persoas participantes para a correcta xustificación dos proxectos, fomentar o intercambio de experiencias e o traballo en rede entre mozos/as e organizacións xuvenís e promover a participación xuvenil a través de proxectos inscritos nos distintos programas ofertados polas administracións públicas.
A metodoloxía do taller será eminentemente práctica, buscando o traballo en equipo e o intercambio de ideas entre as persoas asistentes introducindo unha breve exposición teórica ao inicio da sesión.
As persoas beneficiarias do taller, son todas aquelas interesadas na elaboración ou asesoramento/información de proxectos emprendedores, aínda que se dará prioridade á mocidade do propio Concello con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos preferentemente empadroados no Concello de Mos.
O “Taller de Ideas: Cara o emprendemento dende a participación” levarase a cabo o día 26 de marzo, a partir das 19:00 horas no CDL do Concello de Mos e o número máximo de persoas asistentes será de 18 e o mínimo de 12.
As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou a través do correo electrónico: omix@concellomos.es. A folla de inscrición poderase recoller na OMIX, no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou ben descargándoa da web do Concello: www.concellomos.es .
O prazo de inscrición abrangue dende o luns 24 de febreiro ata o luns 24 de marzo, e será imprescindible presentar unha copia da solicitude asinada. O listado de participantes constituirase por rigurosa orde de entrada no Rexistro Xeral do Concello. O día martes 25 de marzo farase pública a listaxe de admitidos no taller.











